Santiago, 8 de setembro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou esta mañá no Parlamento que os datos de produción industrial, exportacións ou PIB da Comunidade galega “demostran que as cousas van razoablemente ben seguindo as pautas marcadas no Plan Estratéxico de Galicia”.
No debate dunha proposición non de lei de En Marea sobre o desenvolvemento económico de Galicia, Puy criticou a pretensión de “substituír toda a política económica da Xunta, baseándose en datos erróneos, sen poñer enriba da mesa unha proposta específica de que facer”.
DATOS REAIS
Pedro Puy contrapuxo os datos manexados por En Marea coa realidade. Neste sentido, referiuse aos datos do índice de produción industrial publicados hoxe mesmo, que indican un crecemento en agosto da taxa interanual en Galicia do 4,7 por cento, fronte ao 2 por cento en España.
Así mesmo, o portavoz popular lembrou que as exportacións de Galicia medraron no primeiro semestre un 12,3 por cento, fronte a un 10 por cento a nivel nacional.
Outro dato facilitado por Puy foi o referido ao Produto Interior Bruto (PIB), onde Galicia está a medrar por enriba da media nacional. Así, o pasado ano o PIB medrou en Galicia o 3,4 por cento, fronte ao 3,2 a nivel nacional.