Santiago, 13 de xaneiro de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, considerou hoxe que “neste período de sesións será o momento de poñer enriba da mesa do Goberno central todas as demandas e problemas de Galicia que estamos reclamando, que son de xustiza e moitos deles concitan a unanimidade do Parlamento galego”.
Pedro Puy explicou que o Grupo Popular está a preparar nestes días a actividade do novo período de sesións, no que terá un “especial protagonismo o traballo lexislativo”. Neste momento, xa están no rexistro da Cámara galega os proxectos de lei de ordenación do territorio de Galicia, de residuos e solos contaminados de Galicia, e de pesca continental de Galicia, aos que se engadirá nos vindeiros días o proxecto de lei de museos, xa aprobado polo Consello da Xunta. Así mesmo, o portavoz popular apuntou que o Goberno galego está a tramitar os proxectos de lei de impulso demográfico e de acción exterior.
“Tamén estamos preparando as nosas iniciativas parlamentarias, porque son moitas as cuestións pendentes que temos co Goberno central, centradas na coñecida Axenda Galicia con temas fundamentais que a Xunta leva reclamando hai tempo”, sinalou o portavoz popular.
Entre os temas nos que se centrará o Grupo Popular, Puy considerou “importante que se convoque o Consello de Política Fiscal e Financeira, fundamental para que se pague a débeda pendente do Goberno central con Galicia”, pero tamén se referiu á aprobación do estatuto para as empresas electrointensivas, á situación derivada do peche das empresas que producen enerxía co carbón, ós problemas de carga de traballo nos estaleiros públicos de Ferrol ou á interpretación da Lei de Costas.
GALICIA, CUMPRIDORA E TAMÉN REIVINDICATIVA
“Hoxe non é o día para facer outra cousa que felicitar aos novos ministros pola súa toma de posesión e desexarlles acerto, en particular con Galicia, que ten demostrado nos últimos anos con gobernos de distintas cores que é unha comunidade leal e cumpridora cos preceptos constitucionais, pero tamén reivindicativa”, manifestou. Neste sentido, apuntou que Galicia “ten sido un exemplo de responsabilidade e lealdade, polo que está disposta a cooperar e confiamos que nesa liña poidamos ter bos resultados”.
Porén, indicou que o novo Goberno central “xorde nunha situación moi complexa, como a multiplicidade de forzas que o apoian para a aprobación de leis; e a dificultade pola situación económica actual, que é a que debería centrar a maior parte das súas decisións”.
Ademais, engadiu que “este Goberno ten dificultades obxectivas, non ten maioría para sacar adiante os orzamentos, polo que imos ver que decisións adoptan”, ao que se engaden os problemas propios “da posta en marcha dun Goberno que é máis complexo de xestionar cando hai un número elevado de ministerios e de vicepresidencias”. “Confiamos que este novo Goberno de España pense no interese xeral e non permaneza en permanente campaña electoral”, dixo.