Santiago, 7 de maio de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, considerou hoxe que os orzamentos do Estado son “bos para darlle estabilidade ao crecemento económico que está a experimentar España”, ao tempo que “manteñen compromisos de gasto fundamentais para Galicia, como as infraestruturas do AVE”. “O Partido Popular foi capaz de dialogar e construír unha maioría para darlle estabilidade ao país a través dos orzamentos, que son o plan de gasto e investimento do Estado para un ano”, engadiu.
Nunha entrevista na Radio Galega, Puy sinalou que “o fundamental é que hai orzamentos do Estado” e dixo que “chama a atención que se fale agora de concesións, cando ata hai ben pouco escoitábamos a case todo o mundo que na política era bo que houbese moitos grupos para que tivesen que negociar e chegaran a acordos”.
MAIORÍA SUFICIENTE
“É unha boa nova que haxa unha maioría suficiente para que o país non se volva deter por falta de orzamentos”, salientou o portavoz popular, quen lembrou que o Partido Popular “tentou negociar co principal partido da oposición, o Partido Socialista, que se negou a falar dos orzamentos e se buscou unha maioría alternativa”.
Neste sentido, dixo que “é unha posibilidade que os próximos orzamentos sexan coas mesmas forzas políticas, o que non quere dicir que os socialistas, unha vez resolvan os seus problemas e cun liderado consolidado, poidan entrar nunha negociación para facer outro tipo de orzamentos ou para intentar que determinadas cuestións xiren cara un sitio que eles estimen mellor”.
Pedro Puy manifestou que o PSOE, “nalgunhas cuestións como o proceso de construción europea ou a defensa das institucións constitucionais, ten máis puntos de acordo co PP que probablemente con algunha das formacións coas que está gobernando noutras comunidades autónomas ou nos concellos”.
Así mesmo, expresou o seu desexo de que o PSOE “tivera unha dirección e non estivera suxeito a interinidades ou provisionalidades”, porque “non é bo para os partidos políticos que teñan fracturas ou divisións”. “O que se aprecia desde a distancia é que, máis aló dos nomes, hai dúas posicións diverxentes sobre cal debe ser o camiño futuro do Partido Socialista, que xa teñen incluso antecedentes na historia española do século pasado, e o único que desexo é que acerten e que o PSOE siga sendo un dos piares nos que se basea a democracia en España”, manifestou.
ALERTA CONTRA A CORRUPCIÓN
Cuestionado sobre a loita contra corrupción, Pedro Puy sinalou que “todo o mundo debe estar alerta porque estamos descubrindo situacións que moitos non confiábamos que se produciran polo descaro dalgúns dos feitos que coñecemos”. De todos xeitos, subliñou que “o PP ten aprobado, tanto en Madrid como en Galicia, unha serie de normas que intentan limitar algo que por desgraza é inevitable totalmente: que haxa persoas que se corrompan e aproveiten un cargo público para lucrarse ilegalmente ou para facer cousas que non deben facer desde ese cargo público”.
En concreto, referiuse ao endurecemento do Código Penal ou a aprobación das leis de transparencia e financiamento de partidos a nivel nacional e galego. “A galega vai máis alá que a de Madrid, porque en Galicia ningún empresario pode facer unha doazón a un partido político se estas formacións concorren ao financiamento público”, apuntou.
SEGUIR MELLORANDO
De cara á lexislatura autonómica, Puy afirmou que “temos por diante tres anos e medio para desenvolver un programa e seguir mellorando as cousas, porque cando chegamos ao goberno a economía estaba caendo un catro por cento e agora está medrando por enriba do tres, ao tempo que estamos creando emprego, máis de 20.000 no último ano”. “Queda moito por facer e o importante é acertar para que as cousas sigan mellorando e superemos a peor crise que tivo o país na súa historia contemporánea”, engadiu.
Respecto da investigación do accidente ferroviario de Angrois, Puy indicou que “a nosa posición é clara: debe haber un informe técnico incontrovertido para que saibamos cales foron as causas do accidente; hai que deixar traballar á Xustiza e colaborar con ela para que estableza se houbo algunha responsabilidade persoal; e, de considerarse necesario facer unha investigación de tipo parlamentario, debería ser no Congreso ou no Senado”.