Santiago, 5 de abril de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que “non son formas propias dun Goberno central que di que confía nas comunidades autónomas e aposta pola cogobernanza” a presentación dun recurso diante do Tribunal Constitucional contra a Lei de saúde de Galicia “pola vía rápida e evitando calquera diálogo coa Comunidade galega para debater sobre a constitucionalidade” deste texto lexislativo.
?️O Goberno central recorre a modificación da Lei de Saúde de Galicia sen manter contacto previo nin buscar posible solución nunha comisión bilateral,»as formas non son propias dun Goberno que dí que confía nas CCAA e que aposta pola cogobernanza na xestión da pandemia»di Puy ? pic.twitter.com/RCHLD1SbUU
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) April 5, 2021
“Estas actuacións non se corresponden coa situación actual, non se corresponden coas relacións de lealdade entre Goberno central e autonómico, e máis aínda cando o Goberno de España ten delegado nas comunidades autónomas a xestión dunha crise sanitaria, que están intentando atallar na medida das súas posibilidades”, apuntou.
Pedro Puy amosou a “sorpresa” pola presentación deste recurso e sinalou que “é moi cuestionable a forma en que se ten presentado”, aínda que recoñeceu que “nos recorda algunhas outras actuacións de gobernos socialistas” contra medidas adoptadas en materia sanitaria en Galicia. En concreto, lembrou o recurso presentado no seu momento contra o catálogo de medicamentos aprobado polo Goberno galego, “que impediu que nos beneficiáramos desde o primeiro momento da redución do gasto farmacéutico, aínda que posteriormente se superou a proba de constitucionalidade e o consumo de xenéricos foi trasladado e seguido por outras comunidades autónomas”.
POLA VÍA RÁPIDA
“Sen cuestionar a lexitimidade do Goberno central para presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de saúde galega se así o considera en termos xurídicos, o que chama a atención son as formas coas que o fixo”, sinalou o portavoz popular. Neste sentido, lembrou que a Lei orgánica do Tribunal Constitucional recolle no seu artigo 33 un mecanismo para que, cando haxa discrepancias xurídicas por calquera norma entre o Goberno central e un autonómico o prazo de recurso de tres meses se poida ampliar ata os nove meses, de xeito que se poidan establecer negociacións a través dunha comisión bilateral entre as partes na que se poda chegar a acordos interpretativos ou mesmo ao compromiso da comunidade autónoma de reformar a norma causante desta polémica.
“Desgraciadamente, o Goberno de España, a diferenza do que está a facer con outras normas doutras comunidades autónomas, decidiu ir pola vía rápida de tres meses, o que supón a suspensión da lei evitando calquera diálogo coa Comunidade galega para debater sobre a súa constitucionalidade”, manifestou.
En comparación coa reacción do Goberno central diante da Lei galega de saúde, Pedro Puy afirmou descoñecer “se tamén presentarán recurso de inconstitucionalidade contra outras normas semellantes, como a aprobada por decreto polo Goberno socialista de Aragón ou a que se está a tramitar no Parlamento do País Vasco, por iniciativa dos grupos nacionalista e socialista”.
Sobre a modificación da Lei de saúde do País Vasco, Puy concretou que “contén preceptos semellantes á galega e algúns incluso máis limitativos dos dereitos individuais das persoas”, como que se unha persoa se nega a facer unha PCR ou a vacinarse pode impedírselle á entrada no seu traballo e obrigala ao confinamento. “O PSOE asina no País Vasco unha proposición de lei, despois do que dixo en Galicia cando se tramitou a reforma da Lei de saúde desta mesma forma, coa mesma xustificación de urxencia, salvo que con catro meses de atraso respecto á tramitada no Parlamento galego”, dixo.
?️Engade Puy que «non temos coñecemento de que se presentara ningún recurso de constitucionalidade contra outras normas doutras CCAA» e mesmo no Parlamento vasco PNV e PSOE presentaron unha reforma da Lei de Saúde vasca con preceptos máis limitativos dos dereitos individuais pic.twitter.com/fWSnSTmvxn
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) April 5, 2021
O portavoz popular fixo referencia concreta á postura que está a adoptar a oposición respecto desta situación. Así, indicou que “antes de que se coñecera o acordo do Consello de Ministros de presentar o recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de saúde galega, o PSOE en Galicia viu coa petición de reformar a norma galega para evitar o recurso de inconstitucionalidade, sen especificar en que aspectos se ía pedir este recurso”. “Xa non só defenden o que fai o Goberno de España, senón que nos anticipan decisións que se van adoptar sen opoñerse a elas e sen pedir que haxa unha vía de diálogo a través da comisión bilateral”, lamentou.
“Máis sorprendente é a postura adoptada polo BNG, que directamente renuncia a recoñecer o autogoberno de Galicia e afirma que lle parece ben o recurso de inconstitucionalidade contra unha lei galega”, sinalou.
MÁIS POBOACIÓN VACINADA
Cuestionado sobre o proceso de vacinación en Galicia, Pedro Puy salientou que “en Galicia hai nestes momentos unha porcentaxe maior de poboación vacinada que na media das comunidades autónomas”. “O importante é que haxa vacinas, porque Galicia ten dado mostras dabondo de que ten capacidade para vacinar a grandes números de persoas en canto dispoña das doses”, asegurou.
Neste sentido, salientou “un dato que coñecemos estes días e que fala moi ben do noso pobo: Galicia, coa excepción de Canarias, é a comunidade española coa menor porcentaxe de mortalidade por Covid-19, o que da mostra da responsabilidade da súa Administración, dos seus servizos sanitarios e de toda a cidadanía galega que está a seguir as recomendacións dos expertos médicos durante toda esta pandemia”.