6 de febreiro de 2023. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, lamentou hoxe que BNG e PSdeG “no apoiaran ningunha das medidas” propostas polo Goberno galego en beneficio da sanidade pública galega, porque están “máis preocupados por convocar manifestacións ou descualificar aos directivos da sanidade galega”.
Neste sentido, lembrou que o Grupo Popular leva ao Pleno desta semana unha nova proposta que consiste en ampliar a o réxime de xubilación activa mellorada para médicos de familia e pediatras de atención primaria ata os 72 anos, o que mitigaría a falta destes profesionais existente nestes momentos non só en Galicia, senón en toda España.
Pedro Puy iniciou a súa comparecencia ante os medios facendo unha condena expresa do crime machista ocorrido nas últimas horas en Baiona e trasladando o pésame á familia e achegados da vítima. “Lamentamos que na nosa sociedade continúen a acontecer crimes inxustificables como este, e facemos votos para que entre todos sexamos capaces de erradicar os crimes machistas”, indicou.
MODIFICACIÓN DA LEI DO SÓ SI É SI
Neste sentido, lembrou que o Grupo Popular leva á sesión plenaria desta semana unha proposición non de lei relacionada coa aplicación da Lei de só si é si, a través da que se solicita o cese da secretaria de Estado de Igualdade polas súas declaracións irrespectuosas en relación á rebaixa de penas aos agresores sexuais e á situación que están a vivir as mulleres vítimas.
“Esta forma de non rectificar e non pedir desculpas se xunta a unha forma de actuar que implicou non facerlle caso aos informes xurídicos que advertiron desta situación ou á oposición cando denunciou que este resultado ía ser posible”, manifestou o portavoz popular. Neste sentido, saudou que hoxe o Presidente do Goberno e o PSOE, “despois de deixar pasar o tempo, veñen darlle a razón a aqueles que cuestionaban a técnica xurídica desta lei e recoñecen o seu erro coa presentación dunha iniciativa lexislativa coa que pretenden recuperar as penas existentes con anterioridade a reforma”.
Porén, Puy lamentou que “ninguén asuma responsabilidades políticas e parece que non pasou nada, pese ao goteo interminable de rebaixas de penas, pese a que o propio sector socialista no Goberno de España recoñece que hai que recuperar as sancións previas á reforma e pese ao dano irreversible que só se pode solventar cunha reforma da lei cara ao futuro, porque non ten retroactividade”. Ademais, recordou que “o PP xa leva tempo advertindo destas consecuencias e ofrecendo os seus votos para recuperar as penas existentes antes da nova lei”.
Pedro Puy apuntou, ademais, que o Grupo Popular demandará o apoio do Pleno do Parlamento galego a unha proposta dirixida a mitigar a falta de médicos de familia e pediatras na sanidade pública galega, a través do impulso das modificacións legais oportunas por parte do Goberno de España para que estes profesionais poidan acollerse ao novo réxime de xubilación activa mellorada ata os 72 anos.
“Esta medida xa se leva aplicando en Galicia desde o ano 2016, cando se permitiu que os médicos puideran ampliar o servizo activo ata os 70 anos, un beneficio ao que se sumaron máis do 80 por cento dos profesionais”, salientou.
MÁIS PROFESIONAIS SANITARIOS
O portavoz popular sinalou que se trata dunha nova medida impulsada desde Galicia para paliar a falta de profesionais sanitarios, que se suma a outras actuacións xa adoptadas, como a creación da nova categoría de facultativo especialista de primaria e a súa provisión, de xeito extraordinario, por concurso de méritos, ou a aprobación no Parlamento galego da Lei para impulsar a provisión de postos de difícil cobertura en materia de sanidade, que tamén permitirá á Xunta ofertar máis prazas en propiedade e a través de concursos de méritos, non só en atención primaria senón tamén nos hospitais comarcais. “Gracias a esta lei, a Xunta xa completou o nomeamento e destino de 106 novos profesionais de atención primaria para prazas de difícil cobertura, e está previsto que na oferta do presente ano se inclúan novas prazas de médico de familia”, explicou.
“Todas estas medidas non contaron co apoio do BNG nin do PSdeG, máis preocupados por convocar manifestacións ou descualificar aos directivos da sanidade pública, ou dicindo que a solución pasa por incrementar o orzamento da atención primaria en 200 millóns de euros, cando son máis de 313 millóns os que se aumentou nestes últimos anos”, subliñou o portavoz popular. Ademais, criticou que “detrás destas propostas da oposición non hai unha reflexión nin un estudo serio, senón un intento de sacar partido electoral dunha circunstancia que se padece a nivel de todo o Estado”.
Para rematar, Puy lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez non estea a atender demandas como a creación de especialidade de médico de urxencias, a petición de crear máis prazas MIR ou flexibilizar os requisitos para ter máis unidades formativas”.