Santiago, 3 de maio de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou esta mañá no Parlamento que a sociedade galega e española “estase desapalancando e intentando recuperar a independencia fronte ás entidades financeiras”. Neste sentido, considerou “unha equivocación” a pretensión dos grupos da oposición de volver a niveis de préstamo bancarios existentes ao inicio da crise económica.
Puy cuestionou que a oposición compare os datos de préstamos bancarios actuais cos previos á crise económica, “cando se estaba inflando a burbulla inmobiliaria”. “O punto de comparación non pode ser o do ano 2009, cando se chegou ao nivel máximo de crédito bancario”, sinalou.
SISTEMA FINANCEIRO SANEADO
“Se consideramos que o obxectivo é chegar a ese punto, nos estamos equivocando”, afirmou o portavoz popular. Neste sentido, salientou que na actualidade “o sistema financeiro está a funcionar relativamente ben unha vez saneado”.
Puy explicou que en Galicia reduciuse nestes anos o nivel de crédito tanto a nivel empresarial como nas familias, aínda que recoñeceu que estase a comprobar uns “síntomas de cambio pola recuperación económica”.
“Os créditos teñen que darse sempre que sexan rendibles e exista a capacidade de devolvelos”, dixo Pedro Puy, quen salientou “o feito de que exista unha entidade financeira independente en Galicia, herdeira das antigas caixas galegas, para contribuír a fortalecer o crédito”.