Santiago, 21 de decembro de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe, no debate de totalidade do proxecto de lei de orzamentos da Xunta para 2021, que “apoiamos unhas boas contas porque son a mellor forma de construír un bo país”. Neste sentido, salientou que é un orzamento “centrado na superación da pandemia, no que 8.540 millóns de euros destínanse a sanidade, políticas sociais, educación e emprego”.
Pedro Puy manifestou que “estamos ante o peor momento da autonomía e ante os orzamentos máis difíciles, que deben centrarse en superar a crise sanitaria e económica, así como preparar a Galicia para etapa que virá despois da Covid-19”.
É BO TER ORZAMENTOS
“Os orzamentos son un instrumento de certeza e, polo tanto, é bo ter orzamentos”, sinalou o portavoz popular, quen se amosou “aberto a escoitar as discrepancias democráticas no debate orzamentario e a aceptar as emendas que sexan viables e positivas”.
Así mesmo, afirmou que “son axeitados á situación actual e ao consenso académico internacional”. Neste sentido, indicou que “hai que financiar as necesidades da emerxencia sanitaria e ás empresas viables, sen subir os impostos e reforzando os servizos públicos, especialmente os sanitarios”.
O portavoz popular subliñou que “a Unión Europea está a financiar o gasto extraordinario que supón a pandemia, polo que temos máis capacidade de gasto gracias a estas transferencias europeas e á redución dos xuros da débeda”. Porén, engadiu que “asumimos as entregas a conta actuais, pero amosamos a nosa preocupación polas futuras liquidacións negativas que poidan vir”.
Puy destacou que o gasto social representa 8.540 millóns de euros e indicou que “podemos facelo porque somos unha economía forte e fixemos os deberes para ter máis capacidade de reacción ante a crise”. Ademais, subliñou que os orzamentos da Xunta “invisten en Galicia o triplo que o Estado”, ao tempo que multiplican por sete as demandas de incremento de inversión realizadas polos grupos da oposición o pasado ano.