Santiago, 4 de xaneiro de 2019.- O voceiro do Grupo Popular Pedro Puy sinalou hoxe na rolda de prensa de balance sobre a actividade parlamentaria que “continuamos a ser dos parlamentos autonómicos de España que máis traballa, con 744 reunións de órganos colexiados e 618 horas de sesións plenarias no que levamos de Lexislatura e no que a oposición ten maior capacidade de control e impulso ao Executivo, co 80% das iniciativas que se debaten”.
O voceiro popular destacou que das reunións dos órganos colexiados destacan en primeiro lugar as celebradas pola Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos (149 horas) , a Comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego (61horas) e o Pleno (57), “o que da conta das cuestións máis relevantes e destacadas do traballo parlamentario”.
Pedro Puy sinalou que a duración das sesións plenarias no que levamos de Lexislatura (618 horas) é significativamente superior a outros parlamentos constituídos nas mesmas datas, como o Vasco, que celebrou 506 horas, ou os de Cataluña, Madrid ou Valencia, que baixaron das 500 horas.
En canto aos procedementos de natureza lexislativa, o voceiro popular sinalou que no que levamos de Lexislatura aprobáronse 15 Leis, 11 remitidas polo Goberno, 3 proposicións remitidas polos grupos parlamentarios e 1 de iniciativa popular. Ao respecto destas últimas Pedro Puy destacou o feito de que a reforma da Lei para a súa tramitación fixeron da Cámara galega a máis participativa do Estado.
CONTROL DA OPOSICIÓN E CAPACIDADE DE ACORDO
“Somos o Parlamento con máis horas de pleno e no que máis do 80% das iniciativas son a proposta da oposición, o que da conta da súa capacidade de control e impulso” indicou Pedro Puy, salientando que das 1117 iniciativas no pleno, 908 (o 81,28%) o foron a iniciativa da oposición , un “bo síntoma da oportunidade que teñen de controlar ao Goberno”.
Destacou, así mesmo, a capacidade de acordo que supuxo que o 45% das iniciativas aprobadas en pleno (64 dun total de 142) foran a proposta da oposición e que se incrementou en Comisión superando o 60% , xa que foron aprobadas 204 a iniciativa da oposición sobre un total de 338.
Así mesmo sinalou que o Goberno compareceu en 142 ocasións e contestou a 1056 preguntas en Comisión, polo que “sumando plenos e comisións os membros do goberno galego teñen comparecido unha media de 2,3 veces cada día desta Lexislatura” indicou o voceiro popular.
POLÍTICA FORESTAL, DEA E ORZAMENTOS
Pedro Puy destacou no seu balance parlamentario tres grandes fitos como foron “o traballo relevante feito na Comisión sobre Política Forestal, aprobando 123 propostas de resolución que contaron co apoio explícito do PSOE e algunhas doutros grupos políticos, e que marcan un antes e un despois dunha política moi relevante na ordenación do monte e prevención dos incendios forestais”.
Así mesmo, sinalou o Debate do Estado da Autonomía como outro dos fitos do último período de sesións, no que se aprobaron 53 propostas de resolución, 10 pactadas coa oposición e 6 da oposición que “permitirá que a labor de impulso ao Goberno sexa frutífera no 2019”.
E, por último, “e en contraste co que está a ocorrer noutras administracións”, sinalou a aprobación dos Orzamentos da Xunta e a Lei de medidas. “Uns orzamentos realistas, que incrementan o teito de gasto, permiten seguir cumprindo as condicións de déficit, incrementan a inversión e dedican máis recursos ao gasto social”.
Pedro Puy sinalou tamén na rolda de prensa que “rematamos o ano con boas novas, cunha continuidade dos datos positivos no ámbito económico e social, tanto ao respecto das cifras do desemprego como nos avances na igualdade que fai que o número de fogares con moitas dificultades para chegar a fin de mes se reduzan, e todos estes datos son posibles polo esforzo da sociedade”.
Ao respecto do traballo do Grupo parlamentario, Pedro Puy sinalou que “nos sentimos moi satisfeitos de manter un apoio leal ao Goberno, tanto cando é crítico como é de defensa da súa tarefa, algo que contrasta coa alternativa que está a dar a oposición no último ano”.