PNC sobre a demanda da Xunta ao Goberno de España do incremento do continxente arancelario de lombos de atún e do control das importacións.
Á Mesa do Parlamento
O Grupo Parlamentario Popular de Galicia, a través do seu Portavoz, e por iniciativa deputados e deputadas Alberto Pazos Couñago, José Manuel Balseiro Orol, Elena Cándia López, José Manuel Cores Tourís, Martín Fernández Prado, Corina Porro Martínez, Elena Súarez Sarmiento, Diego Calvo Pouso, Marta Fernández-Tapias Nuñez, Álvaro Pérez López, José Manuel Rey Varela, Ovidio Rodeiro Tato, Miguel Tellado Filgueira e Daniel Vega Pérez ao abeiro do disposto nos artigos 160, 98 e concordantes do Regulamento da Cámara, presentan ante esa Mesa, a seguinte Proposición non de Lei en comisión 8ª Pesca e Marisqueo polo trámite de urxencia.
Xustificación da Urxencia:
A urxencia ven motivada, pola necesidade que o Goberno galego, explique canto antes en sede parlamentaria a valoración sobre este tema.
Exposición de motivos:
A industria transformadora do peixe cumpría hai pouco os 115 anos de historia vencellados a esta comunidade, na que se concentra a meirande parte da súa actividade.
A Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados (ANFACO) é unha organización empresarial independente, de ámbito nacional, que desenvolve funcións representativas do sector ante as diferentes administracións, organizacións multilaterais e todo tipo de entidades, co fin último de potenciar a competitividade do sector mar – industria.
Segundo os últimos datos, o complexo mar – industria agrupa a 252 empresas cunha facturación de 10.400 millóns de euros. A estes datos hai que engadirlle o máis importante: este sector empresarial dá emprego a máis de 26.000 persoas de forma directa.
Centrándonos no atún, a produción comunitaria ascendeu en 2018 a 360.237 toneladas. Do mesmo xeito, a UE converteuse no principal mercado mundial para as conservas de atún, xa que acadamos un consumo anual de máis de 730.000 toneladas, sendo por tanto, mercado obxectivo dos principais competidores da industria comunitaria, xa que a UE precisa importar o 54% das conservas.
Así, as exportacións de terceiros países á UE entran en competencia directa coa produción comunitaria, que ten a España como a principal zona productora.
Por todo isto consideramos crucial que o Goberno de España se ocupe dos problemas do sector e que negocie ante a Comisión e o Consello Europeo o incremento das posibilidades de mercado e que o resultado desas negociacións sexa un reparto xusto para a industria da Unión Europea, dando prioridade á produción dos países comunitarios esixindo condicións de trazabilidade e responsabilidade social e ambiental nas producións das industrias europeas, así como nas de terceiros países na súa comercialización no mercado comunitario.
Pero todo iso non é suficiente, sendo ineludible a revisión á alza dos contixentes erga omnes da Unión Europea, libres de arancel, así coma a eliminación de trabas que entorpecen e alongan os trámites administrativos para permitir a entrada no territorio español e comunitario de produtos que, na maioría dos casos, son capturados pola nosa frota, resultando indispensable para a boa marcha da nosa industria transformadora de produtos da pesca.
Por todos estes motivos, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei: “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España:
1. O incremento do continxente arancelario de lombos de atún erga omnes da Unión Europea, de 55.000 toneladas ao 0% de arancel, no marco das negociacións que se levarán a cabo para a apertura e modo de xestión de continxentes arancelarios autónomos para productos da pesca no período 2021-2023.
2. A demanda de comprobación rigorosa e exhaustiva para que as importacións realizadas cara á UE neste ámbito cumpran escrupulosamente a igualdade de normas respecto dos produtos xerados polas industrias europeas, así como se teña especial vixilancia no sostemento dun marco igualitario de produción e traballo.”
Vídeo da intervención: http://mediateca.parlamentodegalicia.es/library/items/comision-8-pesca-marisqueo-2020-09-17?part=5f865c26-7d7b-493a-846c-d4ba704fe7bd&start=5417
—