Pregunta sobre a interlocución da Consellería de Sanidade coas corporacións locais máis afectadas pola evolución da pandemia da Covid-19
O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública xerada pola expansión do coronavirus COVID-19 a nivel de pandemia internacional. Esta expansión está a xerar unha crise sen precedentes recentes na saúde pública que afecta todos os sectores e individuos. As distintas administracións, organismos e institucións, nacionais e internacionais, tiveron que adoptar medidas drásticas e urxentes para a prevención e loita contra esta pandemia.
En España, o primeiro caso de COVID-19 foi detectado a finais do mes de xaneiro e dende entón, o número de contaxios aumentou de maneira progresiva e a gran velocidade o que deu orixe a unha crise sanitaria sen precedentes que requiriu a adopción de medidas excepcionais co obxectivo de protexer a saúde e a seguridade da cidadanía, conter o progreso da enfermidade e mitigar o impacto sanitario.
Con esta finalidade, o pasado 14 de marzo declarouse o Estado de Alarma en España. Un día antes da declaración do Estado de Alarma, o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, declaraba a situación de emerxenciasanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia o que obrigou a adoptar unha serie de medidas transitorias dirixidas a garantir ao mesmo tempo, a seguridade dos profesionais sanitarios e dos pacientes mantendo en todo momento, o correcto equilibrio no exercicio de dereitos e obrigas da cidadanía galega.
A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, prevé, no seu artigo primeiro, que co obxecto de protexer a saúde pública e previr a súa perda ou deterioración, as autoridades sanitarias das distintas administracións públicas poderán, dentro do ámbito das súas competencias, adoptar as medidas previstas na dita lei cando así o exixan razóns sanitarias de urxencia ou necesidade.
Neste tempo, a situación sanitaria nas comarcas das áreas da Mariña e da Coruña requiriron a toma dunha serie de medidas que se aplicaron a través de Ordes ditadas pola Consellería de Sanidade previa consulta do Comité Clínico creado para o seguimento desta pandemia e sobre cuxo contido tamén foron puntualmente informados os responsables das alcaldías dos concellos afectados.
Por todo o exposto, os deputados e deputadas asinantes formulan a seguinte Pregunta Oral en Comisión:
Que interlocución está a manter a Consellería de Sanidade coas corporacións locais máis afectadas pola evolución da pandemia da COVID-19?
Rexistro Iniciativa: http://www.es.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/POC-000051