Pregunta sobre as medidas no eido do Pacto de Estado contra a violencia de xénero dirixidas á asociacións de nais e pais
O artigo 4 do Estatuto de autonomía para Galicia sinala que “lles corresponde aos poderes públicos galegos promoveren as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos que se integra sexan reais e efectivas, removeren os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitaren a participación das galegas e dos galegos na vida política, económica, cultural e social”.
A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, expresa, no seu Artigo 6 que “o departamento competente en materia de igualdade, en coordinación cos restantes departamentos da Xunta de Galicia, poñerá en marcha, de xeito periódico, campañas de información e sensibilización que teñan como obxectivo mudar os estereotipos sexistas e que incidan no rexeitamento social sobre todas as formas de violencia de xénero. As campañas terán especial divulgación nos medios de comunicación de titularidade pública, nos centros escolares, educativos, sociais, sanitarios, laborais, culturais e deportivos”.
Así, con esta base lexislativa amparada pola nosa Constitución e tamén pola Lei Orgánica do 2004 contra a violencia de xénero, amósase que prima o amparo contra a violencia de xénero. Esta só se percibe cando a visibilidade está no extremo da pirámide, pero hai moitos aspectos que aínda deben modificarse, xa que son manifestacións sutís, ou menos evidentes e en espazos onde a prevención debe ser un foco prioritario, como son os diferentes ámbitos da educación.
Dende os primeiros anos de vida, a escola é un dos contextos de socialización máis importantes. É necesario contar con estratexias concretas de cara ao mestrado, o alumnado e as familias para poder previr, detectar e frear en caso de que sexa necesario.
Máis de vinte son as medidas específicas de educación no Pacto de Estado contra a violencia de xénero que se aprobou en decembro de 2017 no Congreso dos Deputados, apoiado por tódolos grupos políticos, coa abstención de Podemos. Moitas das iniciativas están a cumprirse hoxe en día na nosa Comunidade Autónoma.
Por todo o exposto, os deputados e deputadas asinantes formulan as seguintes
Preguntas Orais en Comisión:
1- Que medidas se están a levar a cabo no eido do Pacto de Estado contra a violencia de xénero dende a Secretaría Xeral de Igualdade dirixidas ás Asociacións de Nais e Pais?
2- Cal é a valoración que fai o goberno galego das medidas postas en marcha?
Iniciativa Rexistro: http://www.es.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/POC-000097