O Grupo Popular pregunta sobre a valoración que fai o Goberno dos datos sobre os prazos de pagamento a provedores e a débeda comercial da Comunidade Autónoma de Galicia, especialmente nun momento de caída abrupta dos ingresos das familias e empresas galegas.
A Xunta de Galicia ven desenvolvendo unha aposta firme e decidida por axilizar os prazos de pagamentos aos seus provedores como medio para evitar os problemas de liquidez das empresas que prestan os seus servizos na Administración galega.
Así os datos publicados polo Ministerio de Facenda mensualmente sobre o pago a provedores veñen reflexando que Galicia lidera as Comunidades que mellor pagan as súas obrigas ademais de manter uns niveis moi reducidos de débeda comercial.
A declaración do Estado de Alarma por parte do Goberno central o pasado 14 de marzo, como consecuencia da pandemia do Covid-19, levou aparellada unha parálise case total da actividade económica o que provocou que miles de familias e empresas galegas perderan as súas posibilidades de seguir xerando ingresos con normalidade, cos conseguintes problemas de liquidez.
Nunha situación como esta, resultaba imprescindible que as administracións públicas tomaran medidas de inmediato para dar resposta a esta situación e mitigar os efectos económicos negativos.
Por todo o exposto, os deputados e deputadas asinantes formulan a seguinte Pregunta Oral en Comisión:
Que valoración fai o Goberno dos datos sobre os prazos de pago a provedores e débeda comercial da Comunidade Autónoma de Galicia e especialmente nun momento de caída abrupta dos ingresos das familias e empresas galegas?
Intervencións video: http://mediateca.parlamentodegalicia.es/library/items/comision-3-economia-facenda-orzamentos-2020-09-18?part=ccc68ef0-02f6-4321-afbe-3356011e3dd6&start=6362
Rexistro Iniciativa: http://www.es.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/POC-000086