Pregunta sobre a postura que mantén a Xunta de Galicia ante o goberno de España no relativo ao proceso de negociación da Política Agraria Común para o período 2021-2027
O futuro da Política Agraria Común é fundamental para planificación estratéxica a medio e longo prazo do sector agrogandeiro galego, que debe de desenvolverse no marco da programación da política agraria europea, concretamente o período 2021-2027. O financiamento europeo é un apoio fundamental para as nosas explotacións, supoñendo no período 2014-2020 un total de axudas directas de máis de 170 millóns de euros anuais e 889 millóns de euros no apoio ao desenvolvemento rural.
Para o próximo período a Unión Europea promove que os Estados Membros elaboren os seus plans estratéxicos de cara á implementación das medidas necesarias para acadar os seus obxectivos. Dende o PPdeG defendemos a necesidade de que España faga valer a súa consideración de potencia agroalimentaria no conxunto da Unión Europea, pero tamén defendemos a necesidade de que na negociación interna se teñan en conta as especifidades do territorio galego.
Por iso, co apoio das universidades galegas e das organizacións representativas dos axentes do sector primario, a Xunta comezou a desenvolver o Plan Estratéxico de Galicia para a PAC 2021-2027, no que continuaremos apoiando as medidas desenvolvidas nos períodos anteriores e promoveremos novas medidas que dean resposta ás necesidades específicas do agro galego.
Porén, nas negociacións sobre fondos europeos que se desenvolveron entre os xefes de goberno dos estados membros da Unión Europea en xullo de 2020, a raíz da necesidade de aprobar un fondo específico para compensar a incidencia da pandemia da COVID-19, Galicia amosou a súa sorpresa por que os fondos da PAC non só se propoñan recortar un 10% senón por que, ademais, perdan peso no conxunto do presuposto da Unión Europea, pasando de representar un 36% no período 2014-2020 a constituír tan só un 18%.
Ante ese escenario, a Xunta incidiu na necesidade dunha PAC forte e ben dotada orzamentariamente e comprometeu lealdade ao Goberno central mentres sigan a desenvolverse as negociacións, mais insistindo na necesidade de incrementar os fondos.
Por todo o exposto, os deputados e deputadas asinantes formulan a seguinte Pregunta Oral en Comisión 7ª Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes:
– Que posición mantén a Xunta de Galicia ante o Goberno de España no relativo ao proceso de negociación da Política Agraria Común para o período 2021-2027?
Rexistro Iniciativa: http://www.es.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/POC-000026