Pregunta sobre a actuación da Consellería do Mar en relación coa actividade do marisqueo e coa adopción de medidas de flexibilidade na cuantificación das perdas e de dotación de medios preventivos para o sector.
O sector do marisqueo conta en Galicia con arredor de 7.000 persoas, das cales 3.777 correspóndense con permisos de explotación a pé, e 2.893 son permisos de explotación desde embarcación.
Con motivo do estado de Alarma, decretado o pasado 13 de marzo, produciuse un histórico parón económico do país, chegando incluso a “hibernar”, feito que sen embargo non afectou ao sector da alimentación, para garantir así o subministro a toda a poboación, especialmente cando a cidadanía se dispuxo a facer acopio de comestibles ante a situación de confinamento.
Neste caso, a actividade marisqueira de bivalvos e de recursos específicos podía continuar a súa actividade, xa que non foi decretado o seu peche, mais as canles comerciais desta actividade víronse, a dicir do sector e constatados os datos, sometidos a un peche case total.
O certo é que cunha poboación recluída nas súas vivendas e tendo en conta que a principal compradora desta mercadoría é a hostalería, que ante esta situación tivo que pechar as súas portas e tardará tempo en recuperar, a situación do sector veuse comprometida entre a falla de demanda e as dificultades de desenvolver a súa tarefa.
Sabemos que desde a Consellería do Mar se estivo a facer seguimento permanente desta situación neste período, e que se someteu o mesmo a análise constante para propoñer e promover alternativas e solucións para esta actividade.
Por todo o sinalado, os deputados e deputadas asinantes formulan a seguinte pregunta:
Cal foi a actuación da Consellería do Mar en relación á actividade do marisqueo e da adopción de medidas de flexibilidade na cuantificación das perdas e da dotación de medios preventivos ao sector?
Enlace á pregunta: http://www.es.parlamentodegalicia.es/Rexistros/toh_DKC90ixqwdCkMyxKPqkiHklU1m53CDyjsni-miU=