Iniciativa sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación cos prezos de referencia dos parques eólicos instalados en Galicia
Galicia é un referente a nivel eólico. Na actualidade, na nosa Comunidade hai ao redor de 180 parques que suman unha potencia instalada próxima aos 4.000MW, coa previsión de desenvolver 450MW ao ano ata 2030. Neste sentido, o sector eólico resulta estratéxico dentro da aposta galega polas enerxías renovables e a transición ecolóxica, ademais dunha oportunidade para crear emprego e xerar riqueza.
De feito, segundo datos da Asociación Eólica de Galicia, a enerxía eólica representa a principal fonte de xeración eléctrica no territorio galego, achegando o 35% do noso mix enerxético. Ademais, esta actividade evita a emisión de 5,4 millóns de toneladas de CO2 – contribuíndo ao obxectivo de neutralidade climática no 2050 – ao mesmo tempo que xera máis de 7.000 postos de traballos directos e indirectos e contribúe ao Produto Interior Bruto galego con máis de 580 millóns de euros.
A Xunta de Galicia debe, polo tanto, seguir ofrecendo a súa máxima colaboración para que se aproveiten as oportunidades que xurdan neste ámbito, sempre e cando os proxectos que se presenten cumpran coas directrices fixadas tano no eido medioambiental, como no eido sectorial e técnico, exercendo a máxima transparencia coa cidadanía e velando pola compatibilidade con outros sectores económicos.
Por todo o anterior, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a realizar unha análise da situación en relación coa valoración dos prezos de referencia dos parques eólicos instalados en Galicia poñendo a disposición pública o seu resultado para favorecer a transparencia nas negociacións entre os promotores e os propietarios dos terreos afectados polo desenvolvemento de nova potencia renovable na nosa Comunidade”.
Rexistro iniciativa: https://www.parlamentodegalicia.es/Rexistros/1R6H3xIP_3KgodB5faujgnpNbTsHp5KVc3NuOJgYKHI=