Actuacións para promover a contratación colectiva de seguros agrarios na viña a través das denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas de Galicia
Os seguros agrarios constitúense como unha eficaz ferramenta de protección dos agricultores e gandeiros contra as adversidades meteorolóxicas e outros fenómenos alleos ao seu control, que poidan causar perdas nas súas explotacións.
Neste respecto, a meirande parte das explotacións gandeiras contan con seguros agrarios que os asisten de determinadas incidencias. De feito, o realmente importante é o número de hectáreas que se aseguran ou ben a cifra de animais cubertos, así como o capital total asegurado a nivel de Comunidade Autónoma.
Cómpre destacar que en Galicia se subscribiron no 2019 case 50.000 pólizas de seguros agrarios, entre as que salientan as contratacións para dar cobertura ao gando vacún de leite, con máis de 401.000 animais amparados e un capital asegurado que superou os 516 millóns de euros.
Ademais, o número total de animais asegurados acadou os 28,3 millóns. Por outra banda, a superficie sitúase nas 14.845 hectáreas e a cantidade total de capital asegurado en Galicia supera os 760 millóns de euros.
Porén, estes seguros teñen menor difusión entre os agricultores e os respectivos cultivos agrícolas, moi susceptibles de sufrir danos por mor de condicións climatolóxicas adversas, como xa ten ocorrido no territorio galego.
As liñas agrícolas máis aseguradas foron as de uva de vinificación e as de forraxeiras, non obstante, non acadan o volume das liñas gandeiras de explotacións de vacún de reprodución e produción.
En consonancia, aínda que a Xunta incrementou neste último ano 2021 nun 20% as axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios –ata acadar o 6 millóns de euros–, non se logrou implicar nin concienciar aos agricultores galegos da necesidade de adquirir estes seguros.
Por este motivo, debérase incidir no fomento da contratación dos seguros agrarios por parte de agricultores de xeito colectivo pola vía das Denominacións de Orixe e das Indicacións Xeográficas Protexidas coas que contamos na nosa Comunidade, co obxecto de establecer redes de seguridade ante a ocorrencia de potenciais catástrofes e fenómenos que impidan a recolección normal da colleita de determinados cultivos, como é o caso da uva de vinificación.
Polo exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a promover a contratación colectiva de seguros agrarios na viña a través da Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-002034