Iniciativa sobre a promoción dos controis na entrada de gando porcino e a intensificación das campañas de prevención e das medidas de bioseguridade das explotacións
A Peste Porcina Africana (PPA) é unha enfermidade de orixe vírica altamente contaxiosa que afecta ao gando porcino, tamén aos xabarís silvestres. Ao respecto, posúe unha gran repercusión tanto sanitaria como económica para o sector porcino, xa que non existe vacina. Isto supón que evitar a entrada do virus por calquera vía en Galicia sexa algo transcendental.
Na actualidade, a Consellería do Medio Rural desenvolve un Programa anual de Vixilancia Sanitaria Porcina no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que foi intensificado a partires de 2014 por mor da presenza da devandita enfermidade en diversos países da Unión Europea. De feito, cómpre destacar que a PPA segue avanzando sobre todo nos países do norte e centro de Europa.
O sector porcino é dunha enorme importancia económica, e cómpre extremar as precaucións fronte a esta enfermidade que ameaza a súa actividade produtora e o potencial exportador. Neste sentido, a detección precoz da PPA é sumamente importante para que as medidas de control sexan efectivas.
Así mesmo, é prioritario reforzar este labor e incidir no incremento dos sistemas de vixilancia establecidos, así como divulgar as vías de introdución desta da enfermidade, sexa por medio de animais infectados –vía directa– ou ben a través de materiais contaminados co virus –vía indirecta–.
Por este motivo, é fundamental intensificar e aumentar a “bioseguridade” das nosas granxas de gando porcino, evitando a incorporación de animais de países de risco e mantendo as explotacións illadas ao acceso de xabarís, asegurando unha eficaz
limpeza e desinfección de vehículos, persoas ou equipos que accedan á granxa, etc..
Tamén é preciso evitar a introdución en Galicia de produtos cárnicos de gando porcino ou xabaril orixinarios dos países de risco, e no caso de facelo, asegurarse de que estes produtos ou os seus restos non son utilizados na alimentación dos porcos nin son eliminados en lugares aos que teñan acceso os xabarís.
Con todo, débese evadir a realización de actividades cinexéticas nos países afectados, e no caso de seren materializadas, evitar traer produtos animais de cacería e garantir unha adecuada limpeza e desinfección de todos os materiais que podan servir de fonte de contaxio.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia para que promova un aumento dos controis nas entradas do gando porcino na nosa Comunidade, incluídas as que teñen orixe en Portugal, así como intensificar as campañas de prevención e as medidas de bioseguridade das nosas explotacións”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-002252