iniciativa sobre as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia para promover, en liña coa Alianza Europea por un Hidróxeno Limpo, unha alianza estratéxica para impulsar toda a cadea de valor da industria galega respecto do hidróxeno renovable
O hidróxeno verde xogará un papel fundamental no actual proceso de transición enerxética e, ademais, vai contribuír a diminuír a dependencia enerxética do exterior, e Galicia ten tamén un gran potencial na produción e aplicación desta tecnoloxía. Deste xeito, o hidróxeno renovable ocupa un lugar central na Axenda Enerxética de Galicia, recolléndose de xeito específico a creación dun hub co obxectivo de producir máis de
100.000 toneladas de H2 verde en 2030 (500-1.000 MW) e aproveitar este vector enerxético en favor do impulso de cadeas de valor industrial innovadoras na nosa
Comunidade.
Neste contexto, cómpre subliñar que hai 5 iniciativas situadas en Galicia na listaxe de proxectos que pasaron a primeira fase de admisión no programa de axudas “H2
ImageImagePioneiros” do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, dentro do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica de Enerxías Renovables, Hidróxeno Renovable e Almacenamento (PERTE ERHA). Trátase de H2
Pole (Reganosa e EDP Renovables), Julio Verne (Autoridade Portuaria de Vigo), A Coruña Green Port H2 Mobility (Enerfin), H2 Galicia (Foresa e Iberdrola) e o plan de
produción de hidróxeno verde a partir de fotovoltaica para a área portuaria de Bouzas.
Estas e outras propostas – como as que se presentaron á Manifestación de Interese de Hidróxeno Verde lanzada pola Xunta de Galicia, a través do Inega – supoñen a base para crear un ecosistema do hidróxeno en Galicia que permita a descarbonización da industria e a mobilidade, á vez que xera oportunidades asociadas a toda a cadea de valor do hidróxeno renovable.
Así pois, parece o momento de impulsar un pacto estratéxico de colaboración público- privada que maximice as oportunidades de desenvolvemento industrial ao redor desta enerxía renovable, permitindo amosar o potencial de Galicia en hidróxeno verde.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a promover, en liña coa Alianza Europea por un Hidróxeno Limpo, unha alianza estratéxica para impulsar toda a cadea de valor da industria galega en torno ao hidróxeno renovable”.