Proposición sobre a garantía e axilización da execución dos fondos Feder para acadar a cobertura mínima de acceso á internet de 100Mbps para a totalidade da cidadanía
O acceso a internet de calidade debe estar garantido para tódolos cidadáns. Nas circunstancias actuais, nas que o teletraballo e a educación a distancia se están a empregar dun xeito xeneralizado, non pode ser que a falla de conexión de calidade sexa un novo obstáculo para os galegos.
En Galicia, nestes últimos anos conseguiuse grazas ao Plan de Banda Larga que o acceso a internet sexa universal na Comunidade, pero agora é preciso avanzar e acadar a universalidade das redes de alta velocidade, garantindo a mellor calidade de servizo para tódolos usuarios.
O Goberno de España debe dar resposta ás súas competencias en telecomunicacións e asumir o compromiso de acadar os obxectivos que fixa Europa respecto a conectividade dos Estados membros, facendo un especial esforzo naqueles territorios con especial dificultade pola súa orografía e o seu perfil sociodemográfico.
A Xunta de Galicia a través do Plan de Banda Larga 2020 de Galicia, no marco dos compromisos complementarios ás actuacións do Estado, está a contribuír a acadar estes obxectivos que fixa Europa, estando en execución tódalas liñas de acción previstas e financiadas con fondos FEADER.
Xa que logo, é preciso axilizar aquelas liñas de actuación que dependen da administración xeral do Estado, financiadas con FEDER plurirrexional para Galicia, para garantir o cumprimento dos compromisos que fixa Europa.
Este é un dos asuntos incluídos na a Axenda cos 25 asuntos máis urxentes e prioritarios de Galicia que presidente a Xunta deu a coñecer o pasado 21 de outubro de 2019, destinada a que o seguinte Goberno de atendera nos primeiros meses da
seguinte lexislatura, con independencia de como se configurasen as Cortes Xerais. As reclamacións desta Axenda foron incluídas no programa electoral que obtivo a confianza maioritaria dos votantes galegos nas últimas eleccións autonómicas.Por iso, desde este Grupo Parlamentario, presentamos a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que se dirixa ao Goberno central para demandarlle que garanta e axilice a execución dos fondos FEDER para acadar o obxectivo de cobertura mínima de acceso a internet de 100 Mbps para o 100% da cidadanía”.