Iniciativa sobre a demanda á Xunta de Galicia para iniciar un proceso de participación e diálogo co tecido artístico e cultural e coas entidades locais de Lugo e Vigo para avanzar no proxecto de creación de sedes do Centro Galego de Arte Contemporánea en ambas as cidades
A punto de cumprir 30 anos de funcionamento, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) constitúe o espazo público de referencia para a investigación, fomento e difusión da creación artística contemporánea de Galicia desde Santiago de Compostela.
Desde os seus inicios en 1993 con exposicións dedicadas a Maruja Mallo ou a Laxeiro, o CGAC foi despregando una liña de programación centrada na difusión da creación artística galega e na mostra e diálogo coa arte internacional, ao tempo que se foi configurando unha colección artística, a Colección CGAC, que supón o fondo artístico público máis importante de Galicia de arte contemporánea, con presenza dos principais artistas galegos e internacionais, que dan conta das máis sobranceiras tendencias da arte contemporánea na segunda metade do século XX e do XXI.
A Xunta de Galicia anunciou a intención de crear dúas sedes do CGAC fóra de Santiago: en Lugo e Vigo. O establecemento de ambas sedes permitirá, por una banda, crear novo espazos culturais de referencia en áreas emblemáticas de ambas cidades; suporá, por outra, un contexto de estímulo para a creatividade artística local, mediante a posta en marcha dun programa museográfico específico pensado para contar coa participación activa do tecido artístico e cultural local; e afondará, finalmente, nas sinerxías oportunas entre as programacións das diferentes sedes do CGAC en Galicia, aportando un funcionamento planificado e coordinado para cada un dos espazos.
Todo isto formará parte do necesario plan de usos, que terá as seguintes premisas:contribuír a dinamizar o barrio cunha programación cultural estable e de calidade; estimular a creatividade artística local contando coa participación activa do tecido cultural de Vigo e Lugo, respectivamente; afondar nas sinerxías oportunas entre as programacións das diferentes sedes do CGAC en Galicia, aportando un funcionamento planificado e coordinado para cada un dos espazos, con especial atención á difusión da Colección de Arte CGAC; e establecer liñas de colaboración con outros proxectos artísticos públicos e privados das cidades.
Por todo o exposto, O Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei en comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a iniciar un proceso de participación e diálogo co tecido artístico e cultural e coas entidades locais de Lugo e Vigo para avanzar no proxecto de creación de sedes do CGAC en ambas cidades”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-000849