Santiago, 12 de decembro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, amosou hoxe a súa satisfacción polo “elevado número de transaccións” acadadas co PSOE, En Marea e BNG no referente á política forestal no proxecto de Lei de acompañamento dos orzamentos.
Esta situación “abre unha porta ao optimismo” de cara á consecución de acordos no seo da Comisión de Estudo sobre a política forestal que esta tarde aproba as súas normas de funcionamento.
Pedro Puy lembrou que o Presidente da Xunta propuxo na súa comparecencia no Parlamento sobre a vaga de incendios do mes de outubro tres ámbitos de acordo: a creación dunha Comisión de estudo sobre a política forestal, que hoxe debate as normas de funcionamento e antes de fin de ano aprobará o seu plan de traballo; no ámbito local, a Xunta está a facer xestións aos efectos de que canto antes se dean os pasos para a comarcalización dos parques de bombeiros; e a incorporación no proxecto de Lei de acompañamento do artigo 15 con medidas para avanzar na capacidade de actuación das administracións públicas na prevención dos incendios.
Neste sentido, o portavoz popular manifestou que “a vaga de lumes do mes de outubro motivou unha reflexión de todos os grupos parlamentarios e que traballáramos con especial intensidade nas emendas no relativo á modificación da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia”.
PROPOSTAS FEITAS Á FEGAMP E ASUMIDAS POLO BNG
Puy salientou o “elevado número” de transaccións realizadas cos grupos da oposición respecto do citado artigo 15, en concreto 24 das 32 emendas presentadas: o 50 por cento das do Grupo Socialista; o 86 por cento das de En Marea; e o 87 por cento das emendas do BNG.
Respecto das emendas transaccionadas co BNG, Pedro Puy explicou que “este alto grao de acordos xiraron arredor das propostas realizadas polo Presidente da Xunta na comparecencia no Parlamento, que foron trasladadas polo Goberno galego á Fegamp e que, basicamente, foron asumidas polo Grupo Popular e tamén parcialmente polo BNG”.
O portavoz popular manifestou que a aprobación destas medidas dentro do proxecto de Lei de acompañamento ten como obxectivo que “entren en vigor o vindeiro 1 de xaneiro e estean vixentes para a campaña de lumes do vindeiro ano”.