O portavoz popular lembrou que a oposición acordou a constitución desta comisión de investigación para coñecer a incidencia dos recortes nas prestacións sanitarias que reciben os galegos, pero “non incluíron entre os seus comparecentes a ningún experto en gasto sanitario que permita saber se a idea de recortes na sanidade é certa ou averiguar a que se debe que haxa partidas que diminúen, como é o caso da incorporación de xenéricos á prestación farmacéutica”.
Así mesmo, Puy indicou que o Grupo Popular incorporou na súa proposta de plan de traballo unha ampla representación de profesionais sanitarios, expertos en saúde pública ou pacientes, pero tamén en áreas concretas como a farmacia, oncoloxía, psiquiatría, enfermería, medicina de familia ou atención primaria. Para avaliar os avances nos tratamentos da hepatite C, o Grupo Popular solicita a comparecencia de pacientes transplantados ou con hemofilia, así como especialistas en dixestivo e incluso o asesor xurídico do SERGAS. Respecto do caso do paciente falecido no PAC de A Estrada, chámase a comparecer ao director de Procesos sen Ingreso e Urxencias da EOXI de Santiago e ao director de coordinación asistencial-Urxencias Sanitarias 061, que participaron directamente neste lamentable suceso.
“Tendo presente que a Xunta carece de responsabilidade na tramitación do accidente do Marisquiño, a pesar disto chamamos a comparecer ao delegado territorial en Vigo; ao xerente da EOXI de Vigo, para informar do operativo sanitario; e ao director xeral de Emerxencias, para dar conta do operativo activado”, concretou.
O listado complétase coa solicitude de comparecencia do alcalde de Vigo e dos concelleiros de Seguridade; Xestión Municipal; e Urbanismo.