Santiago, 8 de outubro de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe, logo da constitución da Comisión de Estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da Covid-19, que “imos coa mellor das intencións e predisposición para aproveitar todo aquilo que sexa bo para afrontar os novos problemas que presenta esta situación na sociedade galega, uns obxectivos ambiciosos pero que son os que a sociedade galega nos esixe”.
Pedro Puy indicou que a propia constitución desta Comisión de Estudo “é unha boa mostra da vontade do noso grupo político a escoitar ás forzas políticas, á sociedade, aos empresarios, sindicatos ou asociacións que coñecen de primeira man como a pandemia está afectando a cada un dos sectores”.
MOMENTO EXTRAORDINARIO
“Estamos ante un momento extraordinario e unha situación inédita, polo que non é o momento para intentar levar adiante proxectos ideolóxicos, aínda que as ideas e as propostas con orixe ideolóxica poidan ser aproveitables”, sinalou o portavoz popular, quen recoñeceu que “é un momento de enorme responsabilidade política e de que todos aproximemos ideas para afrontar algo que é inédito”.
Así mesmo, salientou que “estamos nun momento excepcional en canto á reacción das institucións europeas, xa que Europa reaccionou e está financiando as economías máis débiles, como é o caso da española, e con maiores dificultades para o seu financiamento”. “É o momento de aproveitar esa grande aportación europea se somos capaces de afrontar un uso racional de eses fondos que permita combater a pandemia a curto prazo e aproveitar a ocasión para levar adiante eses cambios que xa se estaban realizando na sociedade galega, que afectan á forma de producir, ás relacións laborais, aos sectores que teñen capacidade de crecemento no futuro, á formación, á prestación dos servizos públicos e tamén para traballar naqueles grandes proxectos que compartimos como é facer un sistema económico máis sostible desde o punto de vista medioambiental, afrontar os problemas demográficos e afrontar os retos da innovación e da sociedade que esta pandemia vai a condicionar”, sinalou.
A MELLOR DAS PREDISPOSICIÓNS
Pedro Puy indicou que “nós temos unha maioría que, de entrada, facilita a constitución desta Comisión de Estudo e imos coa mellor das predisposicións para chegar a acordos, que foron posibles noutras comunidades autónomas”. “Confiamos na idea de que hai que colaborar e intentar achegar posturas, sabendo que é moi difícil que esteamos todos de acordo no cen por cento das propostas que se fagan”, engadiu.
?️Vontade de diálogo do @ppdegalicia amosada na constitución da Comisión de Reactivación de Galicia no @Par_Gal co obxectivo de facer propostas para superar
o momento actual en Galicia caracterizado pola situación inédita dunha pandemia, valora Pedro Puy pic.twitter.com/EL3H6uxQu2— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) October 8, 2020
“A vontade da maioría é aproximarse á oposición e aos representantes sociais da empresa, dos distintos sectores económicos, sociais e culturais, e formular unha serie de propostas que poden afectar ao funcionamento da Administración autonómica, e tamén facer propostas de coordinación coa Administración do Estado e as administracións locais co obxectivo de superar a pandemia e que a sociedade galega aproveite esta desgracia para ter a oportunidade de que Galicia poida entrar na etapa postpandemia con crecemento, con formación, con innovación, con políticas respectuosas co medio ambiente e cunha capacidade de prestación dos servizos sociais acordes ás demandas do momento actual, que está caracterizado por unha situación sanitaria inédita nos últimos cen anos”, concretou.