PUY SALIENTA O “NOTABLE CONTIDO LEXISLATIVO” DO VINDEIRO PLENO CO DEBATE PARA APROBACIÓN DA REFORMA DA LEI DE SERVIZOS SOCIAIS, A DE POLICÍAS LOCAIS E A DE DEVOLUCIÓN AOS FUNCIONARIOS DE PARTE DA EXTRA DE 2013
· A Lei de coordinación de policías locais atenderá cuestións demandadas polos representantes do sector, como a eliminación do tope de idade de 36 anos para acceder ao corpo ou a mellora dos procesos de cobertura de mandos
· A sesión plenaria tamén aprobará restituír a partir do 1 de xaneiro a totalidade do complemento específico das pagas extra que se tivo que suprimir aos funcionarios por mor da crise e para garantir os servizos do Estado de Benestar
Santiago, 20 de xuño de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, subliñou hoxe o “notable contido lexislativo” que terá o Pleno da vindeira semana, na que se procederá ao debate para a súa aprobación de tres textos legais: a modificación da Lei de Servizos Sociais, o proxecto de Lei de coordinación das policías locais e a norma a través da que se abona este ano aos empregados públicos a parte devindicada da extra de 2013.
Á espera da reunión da Xunta de Portavoces de mañá, na que se pechará a orde do día da sesión plenaria que se celebrará a vindeira semana, Pedro Puy avanzou que está previsto o debate para a súa aprobación da proposición de lei do Grupo Popular para a modificación da Lei de Servizos Sociais.
Neste sentido, Puy salientou o consenso que o Grupo Popular buscou na tramitación desta proposición de lei, xa que “non rexeitamos ningunha das emendas presentadas por PSOE, BNG ou AGE, polo que confiamos no seu apoio a esta modificación da Lei de Servizos Sociais”.
Entre as medidas incorporadas neste novo texto lexislativo, o portavoz popular explicou que “se introduce o concerto social como novo modelo de xestión en materia de servizos sociais, ao tempo que se reforza o papel das entidades de iniciativa social”. “Así mesmo, dáse prioridade ás entidades sociais sen ánimo de lucro, aplicando medidas de preferencia e discriminación positiva, así como criterios sociais de calidade, experiencia e traxectoria acreditada esenciais ás persoas usuarias”, apuntou.
COORDINACIÓN POLICÍAS LOCAIS
O segundo texto lexislativo previsto para o seu debate e aprobación na sesión plenaria será o proxecto de Lei de coordinación das policías locais de Galicia, que vai permitir “unha maior eficacia en determinados aspectos operativos e de organización dos corpos de policía local, favorecendo tanto aos propios concellos como ao persoal que se integra nestes corpos”.
A través deste texto lexislativo, se establecen cuestións que eran demandadas polos propios representantes do sector, como a eliminación do tope de idade dos 36 anos para acceder ao corpo de policía local galego; ou a mellora dos procesos de cobertura de prazas de mandos, facilitando a promoción interna.
Por último, na sesión plenaria tamén está previsto o debate para a súa aprobación, polo trámite de lectura única e urxencia, do proxecto de lei que permitirá abonar este ano aos empregados públicos a parte devindicada da extra de 2013.
“Este texto lexislativo é froito do acordo acadado entre a Xunta e as organizacións sindicais CSIF, CC.OO. e UXT e, ademais da recuperación desa parte da paga extra, incorpora a restitución a partir do vindeiro 1 de xaneiro da totalidade do complemento específico das pagas extra que se tivo que suprimir por mor da crise e para garantir os servizos do Estado do Benestar”, sinalou Puy.