A vicesecretaria de Igualdade do PPdeG di que Galicia está máis preparada hoxe que hai un ano para combater esta situación en campos nos que non había unha normativa específica
A vicesecretaria de Igualdade do PPdeG, Raquel Touriño, asegurou que a inclusión na lexislación galega da violencia vicaria e da violencia dixital como dous tipos máis de ataque de xénero evidencia que o compromiso na loita contra esta lacra “é imparable”.
Segundo precisou, Galicia está máis preparada hoxe que hai un ano para combater a violencia machista en campos de batalla nos que antes non había unha normativa específica: “O noso obxectivo é que estes avances teñan continuidade nos 12 meses seguintes”.
Nunha data, o 25 de novembro, na que hai que “lembrar a todas esas mulleres vítimas, mulleres asasinadas polas súas parellas e ex parellas e persoas que, a día de hoxe, aínda sofren algún tipo de violencia machista”, recalcou que o seu partido seguirá traballando os 365 días do ano para erradicar calquera tipo de ataque contra a muller con feitos e políticas. Nese senso, explicou que os representantes públicos non só teñen que ser sensibles a esta situación senón que deben dar resposta e solucións áxiles e rápidas á cidadanía.
Touriño tamén manifestou a necesidade de estreitar o cerco aos maltratadores, incidindo en que este é un problema ante o que toda a sociedade no seu conxunto ten que estar implicada e concienciada: “Contra o maltrato temos que poñer ollos e oídos cada unha das persoas de Galicia”.
Do mesmo xeito, a vicesecretaria aseverou que, así como o seu partido entende que a igualdade non é un aspecto que enfronta a homes e mulleres, no caso da violencia de xénero tamén hai que avogar pola unidade entre formacións nunha loita na que non pode haber fisuras nin intereses partidistas: “Os maltratadores deben atoparnos xuntos e unidos. Contra eles, todos”.
Así mesmo, a pesar dos fitos obtidos neste eido, sinalou que aínda queda moito camiño por percorrer, “pero a mensaxe máis importante nun día como o de hoxe é que hai saída e que ningunha muller está soa”.