Iniciativa sobre a reactivación, co apoio de todas as administracións, do sector das orquestras
A verbena é unha actividade económica cun importante valor cultural e turístico conformado por distintos sectores entre os que se atopa o das orquestras.
Ata o inicio da crise sanitaria, centos de formacións deste tipo percorrían, de punta a punta, a nosa Comunidade achegando a música e o baile a todos os recunchos da nosa xeografía. Detrás destas citas, escondíase o traballo de 5.000 profesionais que, debido ao contexto sanitario, tiveron que suspender a súa actividade.
O sector profesional das orquestras, polas súas propias características, foi un dos máis afectados polas restricións. Pola súa importancia, tanto social como económica, a Xunta de Galicia foi a primeira administración autonómica en adxudicar axudas específicas para este ámbito. Este foi un compromiso continuado, que se plasmou a través de numerosas xuntanza e novas liñas de apoio.
Neste marco, o pasado sábado 19 de xuño, realizáronse seis probas piloto de espectáculos musicais ao aire libre como punto de partida para retomar esta actividade. Esta cita desenvolveuse con enorme éxito, non só pola boa acollida entre a cidadanía,senón polo respecto aos protocolos aprobados, previamente, pola autoridade sanitaria para este tipo de eventos.
En definitiva, marcou un fito para a reactivación do sector e abriu unha nova etapa na que, necesariamente deberán participar os concellos, como administracións clave na programación deste tipo de espectáculos.
Polo exposto, O Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte
Proposición non de Lei en comisión polo trámite de urxencia:
“O Parlamento de Galicia defende as orquestras como un sector económico de importante valor cultural e turístico, e manifesta a relevancia de que todas as administracións, nomeadamente os concellos, se involucren na súa reactivación e posibiliten a súa organización, unha vez superadas con éxito as probas piloto de espectáculos musicais ao aire libre”.
Rexistro iniciativa: https://www.parlamentodegalicia.es/Rexistros/FS2hmoDewglaZRq8oI90vkNidpJ11x2J3na-E-cQU7Y=