Iniciativa sobre o apoio do Parlamento de Galicia ao ditame do Consello Galego de Pesca sobre a revisión da Política Común de Pesca e as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para trasladar as súas propostas aos parlamentarios galegos do Senado, Congreso dos Deputados e Eurocámara, así como a outras rexións pesqueiras e entidades representativas do sector pesqueiro europeo
O ditame do Consello Galego de Pesca sobre a revisión da Política Pesqueira Común é a folla de ruta coa que conta a comunidade para a defensa dos intereses do seu sector marítimo-pesqueiro ante a revisión da PPC, prevista para antes de que remate este ano.
Esta estratexia é froito do traballo de todos os elos da cadea mar-industria de Galicia que conta coa fortaleza que dá a unidade e o consenso acadado entre todas as partes, que realizaron distintas aportacións co obxectivo de melloralo.
Este ditame nace no momento idóneo para que as rexións pesqueiras europeas tomen o liderado na definición dos cambios que permitan reconducir os ditados da PPC ás necesidades das comunidades costeiras e aos novos retos a nivel europeo e global, logo de ter formulado achegas distintos grupos parlamentarios para reforzala, para que as opinións de Galicia sexan escoitadas e atendidas en Europa.
Neste sentido, a nova PPC ten que ser unha solución europea e europeísta que reforce a cohesión social e económica, a innovación tecnolóxica e a mellora das condicións de traballo a bordo ao tempo que vele pola soberanía alimentaria e o abastecemento á poboación de proteína animal saudable.
Concretamente este ditame establece cinco cuestións fundamentais para o sector e, establece tamén cinco eixos estratéxicos: unha política pesqueira común social e de futuro; un comercio pesqueiro xusto; unha pesca sostible e compatible coa conservación da biodiversidade; a adaptación ao cambio climático; e a cogobernanza global como base para a sustentabilidade da actividade.
Por todo o anterior o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia amosa o seu apoio ao ditame elaborado polo Consello Galego de Pesca a respecto da revisión da Política Común de Pesca e insta á Xunta de Galicia a:
1. Remitir o ditame do Consello Galego de Pesca sobre a revisión da Política Pesqueira Común aos parlamentarios galegos do Senado, Congreso dos Deputados e da Eurocámara a fin de que adopten as actuacións e xestións oportunas na defensa dos intereses do sector marítimo-pesqueiro galego.
2. Avanzar nos encontros iniciados en febreiro na Bretaña francesa para obter apoios doutras rexións pesqueiras -como Países Baixos, Dinamarca ou Irlanda- e a manter contactos coas entidades representativas do sector pesqueiro europeo e coas redes de rexións atlánticas como a Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) ou a Comisión Arco Atlántico”.