“O novo centro integral de saúde de Carballo vai supor un salto cualitativo na atención e consolidar o municipio como referente sanitario da comarca de Bergantiños”, sinalou o deputado do Grupo Parlamentario Popular e portavoz local, Rubén Lorenzo.
Durante unha visita aos terreos que albergarán a futura infraestrutura sanitaria, á que asistiu, tamén, a parlamentaria Carmen Pomar, puxeron en valor o compromiso do Goberno galego con “este proxecto estratéxico”, para o que se destinará un investimento de 12M€, reforzando de forma notable a capacidade asistencial de toda a comarca. Segundo trasladou a deputada popular, o futuro CIS permitirá albergar servizos de gran demanda como o de diálise, evitando o desprazamento dos pacientes varias veces por semana ata a cidade da Coruña. Así mesmo, incorporará unha área integral da muller e de saúde mental, e a integración da unidade de condutas aditivas que, na actualidade, atende a 500 pacientes.
Rubén Lorenzo recordou que foi “o PP de Carballo o primeiro e o único en defender a creación dun CIS no municipio”. Así, referiuse á moción, presentada no 2011, na que se pedía a transformación do centro de saúde nun CIS para dar servizo aos 60.000 veciños da comarca. E afeou a postura de nacionalistas e socialistas que, en lugar de apoiar a solución máis eficaz, preferiron avogar por un segundo centro de saúde. “O sinsentido do BNG e do PSdeG chegou a solicitar a división da atención sanitaria en dous edificios distintos, separados por un quilómetro de distancia”, indicou.
A proposta do PPdeG, que agora se materializa grazas ao compromiso firme do Goberno de Alfonso Rueda, busca optimizar recursos, ampliar servizos e reforzar a atención sanitaria sen duplicar estruturas nin atrasar investimentos. “Este investimento de 12M€ é unha mostra clara de que o Goberno galego cumpre con Carballo, con Bergantiños e con toda a provincia da Coruña, ao apostar por servizos públicos modernos, próximos e de calidade”, apuntou Carmen Pomar, quen informou de que o comezo das obras está previsto para o vindeiro ano.
Para rematar, Rubén Lorenzo reiterou que o PP de Carballo “seguirá traballando para que o municipio ocupe o lugar que lle corresponde como capital comarcal en servizos públicos”.