O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, anima aos galegos e galegas a “converter o enfado en voto” despois de oito anos de “corrupción e decepción” co Goberno sanchista e os seus socios, que “incumpriron con Galicia todo este tempo”. Neste punto, fai un chamamento a “non resignarse” e apostar polo “cambio necesario”, reivindicando o proxecto popular de Alberto Núñez Feijóo como a “alternativa útil” e a “esperanza real” para o país o próximo 29 de novembro.
Así o manifestou nun mitin en Pontevedra, onde criticou os “privilexios” do Executivo de Sánchez aos seus socios, así como o emprego das institucións ao seu favor, mentres Galicia seguiu abandonada polo Goberno durante estes oito anos. “O voto útil é o PP e en Galicia imos ser o motor do cambio”, insistiu durante o mitin, no que tamén participaron o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e a número do Congreso da provincia de Pontevedra, Pepa Pardo, e no que exerceu de anfitrión o presidente do PP local de Pontevedra, Rafa Domínguez. Tamén asistiu a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.
O líder do PPdeG dirixiuse á militancia pontevedresa para que o 29N, nas urnas, amosen “unha lección de optimismo, de compromiso, de civismo”, dándolle o voto a un xestor coma Alberto Núñez Feijóo, “que sabe como reconstruír o país” e a un PP que ten “proxecto, experiencia e valores”. Para Rueda, o 29 de novembro vótase máis que partidos ou ideoloxías. “Votamos o sensentido destes anos ou o sentidiño de Galicia”, dixo.
Entre as razóns para o cambio, destacou que Galicia precisa dun Goberno que respecte á nosa terra despois de anos de “incumprimentos e discriminacións”, reivindicando que se cumpra co financiamento, xa que “o de todos, repártase e fálase entre todos”. Neste punto, tamén afea ao BNG que sigan sendo os do “non”, en contra do progreso para Galicia, mentres a nosa comunidade autónoma “é esforzo, futuro e convivencia”.
Para o presidente dos populares galegos, España precisa un Goberno como entendemos en Galicia o que é gobernar: “Con sentidiño, xestión e servizo público”, destacou. Así, a falta de xestión dos oito anos de Goberno central maniféstase en que “tiveron máis diñeiro que nunca e a xente vive peor”. Mencionou, entre outros agravios, as máis de 100 subidas de impostos, o incremento da débeda ou o aumento de fondos europeos que a Galicia aínda non chegaron.
LUIS LÓPEZ CHAMA A CONCENTRAR O VOTO NO PP
Pola súa banda, Luis López pediu o voto para Alberto Núñez Feijóo, e puxo o foco en non esquecer o ocorrido durante os últimos oito anos. No ámbito provincial, enumerou unha serie de agravios e incumprimentos cara a Pontevedra, lembrando desde os desaires e atrasos en torno ao AVE directo —que un ministro chegou a cualificar como “unha carta aos Reis Magos” antes de eliminalo dos mapas da Alta Velocidade— ata a traizón ao pacto de país sobre a autoestrada AP-9 ou o inicio das obras do Nó de Bombeiros coincidindo coa convocatoria electoral.
Así mesmo, criticou a falta de execución nas promesas realizadas polo Goberno central na provincia, sinalando que dos 16 millóns de euros anunciados en axudas para os temporais se pagaron cero, ao igual que ocorre coa vivenda social prometida a través do proxecto Casa 47. Nesta liña, reprochou aos dirixentes socialistas pontevedreses a súa actitude ante os escándalos nacionais e o seu respaldo a figuras como Ábalos, Cerdán ou Leire Díez, advertindo de que a cidadanía “non esquece” e lembrarallo nas urnas con cada voto.
Finalmente, o presidente provincial fixo un chamamento explícito a concentrar todo o voto de cambio na papeleta do Partido Popular, advertindo do risco de fragmentar o electorado. López lembrou que na provincia de Pontevedra elíxense sete deputados e que “todo o voto de cambio que non vaia para o PP será un regalo para Sánchez”.
PEPA PARDO PIDE DEVOLVER A ESPAÑA A DECENCIA E A DIGNIDADE
Por último, a candidata do Partido Popular ao Congreso dos Deputados, Pepa Pardo, fixo un chamamento á mobilización cidadá para lograr o cambio político nas eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro e devolver a España á decencia, á dignidade e á convivencia da man de Alberto Núñez Feijóo.
Pardo agradeceu o respaldo dos veciños de Pontevedra, dos que destacou o seu compromiso para deixar alto e claro que España necesita un cambio, que o cambio é posible e que virá da man do PP e do presidente que España necesita, Alberto Núñez Feijóo. A candidata puxo o foco na transcendencia histórica da cita electoral do 29N, asegurando que se trata duns comicios nos que “nos xogamos todo” e que poden cambiar o rumbo da nación.
A candidata ao Congreso apelou tamén ao espírito de concordia de hai 50 anos. “Hai 50 anos votábase en España a Lei para a Reforma Política, iniciábase a Transición, símbolo da concordia. Hoxe, 50 anos despois, votaremos para poñer fronte á delincuencia a decencia. Pontevedreses ás urnas, demos a España o cambio que necesita”, finalizou.