O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindica a política de “unidade, humildade e capacidade de xestión” dos populares ourensáns. Así o manifestou durante a clausura da primeira Romaría do PP provincial de Ourense, que se celebrou no pavillón polideportivo Paco Chao do Carballiño, con 1.500 persoas. Rueda agradeceu o traballo do “gran equipo que forma o PP”, dos que “traballan, patean e manteñen a diario o músculo” que fai que o PPdeG siga gañando eleccións.
O líder dos populares galegos aproveitou a localización da romaría na capital do polbo para lembrar a gran pulpada organizada polo PPdeG en Bruxelas esta mesma semana, onde “o polbo do Carballiño triunfou no corazón de Europa” e os pulpeiros do Carballiño puideron ensinarlle ao Parlamento europeo “como se fai o polbo”. Na clausura, onde agradeceu o labor do PP de Ourense para conseguir actos multitudinarios coma o de hoxe, tamén interviñeron o secretario xeral do PP nacional, Miguel Tellado; o presidente do PP da provincia de Ourense, Luis Menor, e o portavoz municipal do PP de Carballiño, José Rafael Castro. Na romaría tamén participou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.
Insistiu nas claves principais do éxito do Partido Popular, baseadas na unidade, na humildade e na capacidade de xestión. Pola contra, lamentou o comportamento de PSOE e BNG, subliñando que “hai que rebelarse, traballando para axudar ao PP nacional e que Alberto Núñez Feijóo sexa presidente do Goberno canto antes e se acabe esta loucura”. Así, puxo en valor o “sentidiño” do PPdeG, “como o da maioría dos galegos”, fronte aos partidos “sectarios” e que “pretenden dar leccións”.
Neste sentido, reivindicou tamén as candidaturas do Partido Popular como “as mellores” de cara ás próximas eleccións, polo que animou a simpatizantes e militancia a “seguir traballando con seriedade, rigor e escoitando a xente, para gañar nas urnas como sabemos facer”.
“Sigamos dando exemplo para afrontar estes retos, non normalicemos nin demos por bo o espectáculo bochornoso que vemos en España”, sentenciou.
LUIS MENOR: “INAUGURAMOS UNHA TRADICIÓN ITINERANTE”
Pola súa banda, Luis Menor agradeceu a multitudinaria resposta de militancia e simpatizantes a “unha tradición itinerante pola provincia que inauguramos hoxe”, lembrando que esta cita figuraba no seu programa no congreso provincial do partido de 2024. Unha xuntanza que amosa “músculo, forza, unión e que somos un partido imparable que non se conforma”.
Unha xornada de confraternización que pon a guinda, dixo, a un “duro traballo de portas cara dentro» que tiña como principal obxectivo “dar estabilidade, renovar e actualizar as nosas agrupacións”. Así, cando chegue o verán, entre congresos locais, xestoras e o labor de Novas Xeracións, o PP de Ourense terá actualizadas preto da metade das súas xuntas locais.
O presidente do PP de Ourense outorgou o protagonismo á militancia como “base e piar deste partido, os que dades sentido ao noso proxecto político”. Pediulles aos afiliados que non sexan “meros espectadores”, senón que se convertan “na voz do partido en cada aldea, en cada rúa, en cada parque e en cada café”, poñendo en valor o conseguido neste mandato municipal.
Luis Menor reivindicou o PP como unha “forza de goberno por dereito propio”, detallando os desafíos dos populares ourensáns, todo eles baixo a letra “R”: recobrar en 2027 máis das 54 alcaldías actuais, retomar a maioría absoluta na Deputación, recuperar a posición como partido decisivo e líder na capital, reforzar a maioría absoluta que lle dá estabilidade a Galicia con Alfonso Rueda e restaurar un Estado que nos devolva a confianza, con Alberto Núñez Feijóo como presidente de España.
JOSÉ RAFAEL CASTRO: “DESDE OS CONCELLOS CONSTRÚESE TODO”
Tamén interveu no acto o portavoz do PP no Carballiño e tenente alcalde, José Rafael Castro, que agradeceu a elección do Carballiño para esta primeira romaría do PP de Ourense. Unha idea, dixo, que artella a estrutura deste partido: “Medrar desde os concellos, porque nos pequenos municipios é onde nace todo e desde onde se constrúe todo, incluso a nosa propia identidade política”.
MIGUEL TELLADO: “O GOBERNO DE SÁNCHEZ ESTÁ CONTRA OURENSE”
O secretario xeral do Partido Popular, Miguel Tellado, foi o encargado de pechar un acto no que puxo en valor o traballo dos galegos que contan cun Executivo autonómico “limpo, decente, que aproba os Orzamentos cada ano e que goberna para todos”. Así, felicitou a Alfonso Rueda por manter o Goberno galego como “unha balsa de estabilidade, contrapunto a Pedro Sánchez”.
“Mentres o PP pode celebrar romarías populares cheas de xente, as romarías do PSOE son para acudir aos xulgados e responder pola súa corrupción”, aseverou.
Tamén augurou que o cambio “necesario” en España “está moi cerca”, con Pedro Sánchez nunha “fase final de rendición de contas” e un Goberno “politicamente paralizado”: sen Orzamentos Xerais, sen axenda e cos seus socios “tratando desmarcarse del á desesperada”. Remarcou que o país se está despedindo do Goberno dos apagóns, das subidas de impostos e dos malos servizos públicos. “Está chegando a alternativa da decencia, a honestidade e a boa xestión, como a que leva 17 anos gobernando Galicia”, subliñou.
Avanzou que, con Alberto Núñez Feijóo na Moncloa, moi pronto Galicia terá un Goberno de España que sexa un “aliado” da Xunta de Galicia en lugar dun “obstáculo”. Neste punto tamén lamentou, en clave local, que o Executivo de Sánchez sexa “un Goberno contra Ourense, cun BNG que actúa como un bloque de apoio firme a ese Goberno inimigo de Galicia”.
UNHA ROMARÍA EN CADA PROVINCIA
A primeira Romaría popular do PP de Ourense foi un dos compromisos de Luis Menor no congreso provincial de 2024 e, a partir de hoxe, queda xa fixada no calendario do PPdeG como unha tradición de unión e confraternización entre os populares galegos. Así, únese a actos de relevancia como a romaría do Pino na Coruña, a gran pulpada do San Froilán en Lugo e o inicio de curso político en Cerdedo-Cotobade, en Pontevedra.