O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe a Manuel Fraga como “un home que viviu por e para construír Galicia e facela mellor” e afirmou: “Para ser dignos da súa herdanza debemos ser capaces de seguir o seu legado e aprender das súas ensinanzas desde a austeridade, a firmeza, a convicción e cunha mente aberta”.
Fixo estas declaracións no acto organizado polos populares galegos en Vilalba para conmemorar o centenario do presidente fundador do Partido Popular e no que puxo en valor todo o que Manuel Fraga “foi capaz de construír desde a humildade e coas súas profundas crenzas”, referíndose especialmente ao seu papel como “pai” dunha Constitución que “segue plenamente vixente a pesar de que algunhas persoas se empeñen en derrubala” e na que se enmarca o Estado autonómico “no que tanto cría Don Manuel”.
Rueda definiu acto seguido ao Partido Popular como “o gran partido de centrodereita” que Fraga concibiu como “un dos alicerces fundamentais para darlle sentido á Constitución e para construír todo o que para este texto pensara cando a redactou”. Un partido que “Don Manuel foi capaz de fundar e engrandecer” e do que co tempo pasou a testemuña “cando estimou que era o momento para seguir sendo útil a España”.
En clave autonómica, o líder dos populares galegos puxo en valor a capacidade de Fraga para “identificarse cos sentimentos máis profundos da súa terra” e reivindicou a súa aportación na “construción da sanidade de primeira categoría que hoxe desfrutamos”, así como o seu “empeño por estender e mellorar as infraestruturas educativas, por vertebrar a nosa Comunidade e por poñer en marcha un dispositivo de extinción de incendios que segue a ser un referente moitos anos despois”.
Destacando especialmente a súa aposta pola promoción do Xacobeo: “Un dos mellores exemplos do que Don Manuel foi capaz de imaxinar para promover unha Galicia universal e unha cultura galega amable que se estende a todo o mundo”.
Así mesmo, neste acto “de xustiza”, Alfonso Rueda lamentou que esta mañá os grupos de oposición no Parlamento de Galicia “non foron capaces de recoñecer a quen gañou catro eleccións consecutivas con maioría absoluta e dedicou a súa vida a traballar por Galicia con todas as súas forzas”.
“UN VILALBÉS BO E XENEROSO”
No acto interpretouse o himno galego e Marcha do Antigo Reino de Galicia a cargo do músico Juan Ruibal, fíxose unha ofrenda floral fronte ao busto situado fronte á casa natal de Manuel Fraga en Vilalba e realizouse unha semblaza á súa figura a cargo do historiador Xosé Antonio Pombo Mosquera.
Interveu tamén a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, afirmando que o legado e os valores de Manuel Fraga “seguen sendo máis necesarios que nunca España chea de incertezas e nunha Galicia chea de esperanza e de futuro” ao tempo que reivindicaba: “Nin podemos nin queremos esquecernos dun vilalbés ilustre ao que constantemente recorremos para que nos ilumine e nos axude nas decisións do día a día”.
Pola súa banda, a presidenta local do PP de Vilalba, Sandra Vázquez, quen recordou “a capacidade de traballo e o entusiasmo” co que o presidente fundador do Partido Popular exerceu as súas responsabilidades e definiuno como “un adiantado ao seu tempo que sentou os piares fundamentais da Galicia do século XXI”.
Neste sentido reivindicou que Fraga “construíu unha Galicia moderna e innovadora ao tempo que poñía en valor as súas tradicións culturais, a súa lingua e a súa terra”. Por todo isto concluíu cualificándoo como “un vilalbés bo e xeneroso”.