O presidente do PPdeG asegurou onte na Xunta Directiva Provincial de Pontevedra que “o Goberno galego está aliado con esa maioría que quere estabilidade, xestión e unidade para sacar adiante o seu fogar e a súa empresa” e que por iso os Orzamentos da Xunta para 2023 son “unhas contas realistas e deseñadas para paliar a incerteza”
Ao tempo que reivindicou a capacidade dun “goberno estable” para “ofrecer garantías nun momento de extrema incerteza económica”, Rueda puxo en valor que nas vindeiras contas autonómicas se garantirá “máis gasto social, máis investimento, menos débeda e menos cargas”
Nesta liña afondou en que “se investirán ata 3 de cada 4 euros para sanidade educación, prestacións sociais e emprego” e que continuarán as rebaixas fiscais: “Este ano os galegos van aforrar 128 M€ en impostos”. Ao que engadiu: “A garantía de menos débeda é unha marca de estilo na xestión económica da Xunta dos últimos anos e agora permitiranos axudar a quen máis o precisa”.
Alfonso Rueda asegurou que os Orzamentos de 2023 servirán “para renovar a aposta por todas as zonas da provincia de Pontevedra” e cifrou en 3.700 M€ o gasto total en proxectos como o centro integral de saúde Olimpia Valencia ou o barrio de Navia en Vigo, o Gran Montecelo ou a residencia de Campolongo en Pontevedra, o Centro Integral de Saúde en Lalín, a continuación da AG-59 na Estrada, o novo centro de saúde de Vilagarcía, a nova EDAR de Cambados e a mellora dos centros de saúde en Salvaterra e Crecente
“A seriedade e a solvencia son o mellor servizo que lle podemos ofrecer aos galegos, en todas as Administracións. Agardamos que o Goberno tamén achegue garantías de apoio para proxectos industriais clave”, salientou o presidente
“MOITOS CONCELLOS PRECISAN A POLÍTICA ÚTIL DO PPdeG”
Xa en clave electoral, o líder dos populares galegos asegurou que a formación traballa “para levar o modelo do sentidiño e da estabilidade aos gobernos municipais” e neste sentido mostrouse “seguro” de logralo “con Marta en Vigo e con Rafa en Pontevedra”, así como en Mos, en Lalín, en Cerdedo-Cotobade ou en Crecente “revalidando gobernos”.
“Son moitos os concellos que precisan da política útil que abandeira o PPdeG”, concluíu Alfonso Rueda
Na mesma liña, o presidente provincial do PP de Pontevedra asegurou que aspiran “a gañar e tinguir de azul a provincia”, a manter os Gobernos que xa teñen e a “converter en alcaldes aos que hoxe están na oposición”. Afirmando neste sentido: “Gañando nos concellos, conseguiremos recuperar a Deputación de Pontevedra e convertela nunha institución útil para os concellos e para os veciños da provincia”.
LÓPEZ: “ESTES ORZAMENTOS CUMPREN COS PONTEVEDRESES”
O líder dos populares de Pontevedra asegurou que “os Orzamentos da Xunta para 2023 cumpren cos pontevedreses” e que van ser “un apoio fundamental para os veciños da provincia”. Por iso reivindicou “o compromiso real e permanente da Xunta con Pontevedra” fronte a un Goberno central que “volve dar as costas a Galicia e á provincia”
“Fronte aos 3.913 euros que, como mínimo, gastará o Goberno galego por cada cidadán da nosa provincia en 2023, o Goberno central destinará só 305 euros. A Xunta inviste 13 veces máis. Por iso desde o PP presentamos máis dun cento de emendas aos PGE que superan os 300 M€”, concluíu.