Di que “en equipo” chegarán á meta da quinta maioría absoluta, velando por unha Comunidade referente de unidade, estabilidade e xestión
O candidato á Presidencia do PPdeG, Alfonso Rueda, pediu ao seu partido remar “todos a unha” e camiñar xuntos para seguir ofrecendo aos galegos unha Comunidade “aínda máis potente” en todos os eidos.
Como sinalou nun acto comarcal co PP do Salnés celebrado en Vilagarcía, o Congreso autonómico é só o inicio dun gran traballo que deben facer unidos para chegar a metas inéditas como a quinta maioría absoluta: “É posible, depende de nós e imos conseguila”. Neste sentido, manifestou que “man a man” deben ensanchar o camiño da formación para que nel caiban aínda máis ideas, ilusión e persoas; precisando tamén que “en equipo” seguirán velando por unha Galicia referente de unidade, estabilidade e xestión.
Logo de afirmar que os populares teñen que ser o exemplo do presidente Alberto Núñez Feijóo para alcanzar a Moncloa, subliñou que só hai un PP que “non é o de Rueda nin o de ninguén, é o Partido Popular de Galicia”.
O PPdeG NOS GOBERNOS
O candidato salientou que cando unha organización é elixida para unha responsabilidade ten que reflectirse na vida diaria dos cidadáns. “Cando o PPdeG está en postos de goberno, nótase”, admitiu mentres explicaba que os populares gobernan sen dividirse nin dividir aos galegos, teñen un proxecto claro e sen improvisacións, saben xestionar, son un partido de maiorías e fan política “á galega”, é dicir, con moderación.
Rueda contrapuxo o modelo da súa formación coas fórmulas fracasadas do BNG, que só sementan a división entre cidadáns e ofrecen unha falsa renovación coas mesmas receitas de sempre aínda que os galegos as rexeiten. De igual xeito, asegurou que os populares tampouco están en política para acumular cargos como fai o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso.
Así mesmo, cuestionou a actitude de Ana Pontón e de González Formoso, que antes de escoitar ningunha proposta, xa anunciaron que votarían en contra da súa investidura como presidente da Xunta, o que evidencia que “tampouco están para dar leccións de diálogo nin man tendida”.
A POLÍTICA DE PROXIMIDADE
No seu discurso, Rueda reivindicou a política de proximidade, lembrando que forma parte do seu estilo e que sempre tratou de exercela dende as súas diferentes responsabilidades.
Nese senso, puxo en valor o labor dos representantes do PP nos distintos municipios, persoas que están ao pé dos galegos. Deste modo, destacou o traballo de alcaldes, portavoces e concelleiros que non están en política polo cargo, senón pola vontade de traballar, mellorar e servir, dando grandes respostas a problemas concretos: “Síntome orgulloso de ter un partido que dá alternativas nos 313 concellos”.
PROXECTOS GAÑADORES
Durante a súa intervención, tamén remarcou que o PP sairá a gañar en todos os concellos da provincia de Pontevedra “sen excepción” porque son un partido de goberno e así o demostrarán. Para isto, animou aos populares a gañarse a confianza de cada veciño; a escoitar, propoñer e resolver máis; a facer os mellores equipos; e a insistir no que está ben feito e corrixir os erros.