Despois de presidir o seu primeiro Comité Executivo, sinala un desexo: “Continuar construíndo unha Galicia que sexa como o noso partido: estable, unida e con sentidiño á hora de facer as cousas”
O Presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, pediu hoxe, a un ano e un día da celebración das eleccións municipais, “un esforzo especial” aos membros da formación, co obxectivo de que “siga parecéndose a todos e cada un dos concellos” da Comunidade”.
“Podemos demostrar que temos o mellor proxecto para gañarnos a confianza da xente, que aínda podemos escoitar máis, que somos capaces e que somos un partido permeable que está en todas partes”, subliñou, adiantando que “se isto se fai ben”, o 28 de maio de 2023 o PPdeG terá “unha gran noite electoral”.
Rueda presidiu hoxe o primeiro Comité Executivo do PPdeG tras o 18º Congreso autonómico do partido celebrado a pasada fin de semana. Despois da reunión, tamén demandou dos seus compañeiros que teñan “os pés na terra”, para que xente se dea conta de que o partido pode solucionar os seus problemas. “Estamos aquí para intentar mellorar a vida da xente e que confíen en nós”, dixo.
Nese sentido, citou un desexo para o cal hai “moitísimo que traballar”: “Seguir construíndo unha Galicia que sexa como o noso partido: estable, unida e con sentidiño á hora de facer as cousas”. “Se facemos as cousas ben, faremos algo que merece”, engadiu o Presidente.
Así mesmo, con respecto ao citado “esforzo especial”, fíxolles outra petición aos membros dos PPdeG dos 313 concellos: “Que consigamos os mellores candidatos; cando iso estea, que consigamos os mellores equipos; e despois que haxa proxectos e programas”.
Tendo en conta que o PPdeG é “un partido de territorio”, referiu que se trata de levar a toda Galicia “políticas útiles”. “Trátase de avanzar”, incidiu, sen esquecer a necesidade de “ser máis exixentes”.
NOVO COMITÉ EXECUTIVO
O Comité Executivo tamén serviu hoxe para que o PPdeG ratificara os nomes adiantados no Congreso autonómico que a partir de agora conformarán o equipo principal. Deste xeito, Paula Prado foi corroborada como secretaria xeral, mentres Pedro Rojo, José Manuel Rey, Raquel Touriño, José Ángel Santos, Marta Fernández-Tapias, Alberto Pazos, Olga Iglesias e Gabriel Alén foron confirmados como vicesecretarios.
Por último, Rueda destacou que o Partido Popular de Galicia saíu do seu Congreso autonómico “cun proxecto sólido, sabendo o que quere facer e sendo capaz de explicalo”, ademais de dando a sensación de que “hai un equipo”. “Non temos ningún tipo de hipoteca e miramos ao futuro”, abundou.