Santiago, 23 de febreiro de 2017.- A portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Sandra Vázquez Domínguez, subliñou esta mañá no Parlamento que “Galicia é a comunidade autónoma de onde están saíndo menos mozos entre 16 e 34 anos: o 2,23 por cento fronte ao 3,31 por cento en España”. Neste sentido, lembrou que o emprego xuvenil “é unha das prioridades do actual Goberno galego” e mostra disto son os máis de 150 millóns que destinou a promover a cualificación e o acceso a un traballo dos menores de 30 anos, conseguindo que no último ano descendera o paro neste sector nun 17 por cento.
Sandra Vázquez sinalou que o Goberno galego “está a traballar para crear máis e mellores empregos, especialmente entre os máis novos”. En concreto, sinalou que nos últimos catro anos destináronse 40 millóns de euros a incentivar a contratación de menores de 30 anos, conseguindo que máis do 40 por cento dos traballadores que foron contratados con axudas de emprego eran desta idade. Ademais, outros 80 millóns de euros dedicáronse para mellorar a súa empregabilidade a través da formación.
“Este ano, o Goberno galego seguirá impulsando o traballo entre este colectivo a través dun Plan de Emprego Xuvenil, que contará cun orzamento próximo aos 40 millóns de euros para seguir ofrecendo maiores axudas á súa contratación e mellorando as oportunidades de formación e inserción laboral”, apuntou.
A portavoz popular engadiu que “o acerto destas políticas estase a ver reflectido no descenso do 17 por cento do número de parados menores de 30 anos, xunto co incremento de máis dun 4 por cento dos ocupados”. “Ademais, o tramo de idade onde máis creceron os contratos indefinidos foi entre os menores de 30 anos: un 15 por cento”.