Solicitude ao Goberno de España da redución do IVE do 21 ao 10 por cento en todas as prestacións de servizos deportivos e de actividade física.
As evidencias médicas e científicas coinciden na importancia da práctica regular de actividade física no obxecto de mellorar a saúde, a calidade de vida e o benestar da cidadanía. Tanto no relativo á prevención de enfermidades crónicas non transmisibles como poden ser as cardiovasculares, determinados tipos de cancro ou a diabetes, como polos seus efectos positivos para o desenvolvemento da saúde mental e os procesos cognitivos, ou para a propia socialización dos individuos, o deporte e a actividade física son elementos determinantes na consecución de estilos de vida activos e saudables para a poboación, o que directamente incide tamén no sostemento dos sistemas sanitarios.
A importancia do fenómeno deportivo e a súa conexión coa saúde dos cidadáns atópase consagrada en todas as lexislacións comparadas do entorno nacional e europeo, nas institucións comunitarias e na propia Constitución española, onde se contén un mandato xeral aos poderes públicos para o seu fomento (artigo 43.3), o que sen dúbida ven derivado da súa estreita vinculación coa saúde, á que se refire o propio apartado 1 do mesmo artigo 43.
En Galicia, a Lei do deporte, Lei 3/2012, do 2 de abril, establece como a nosa Comunidade Autónoma recoñece as especiais funcións que o deporte desempeña na sociedade, en especial e entre outros ámbitos, na mellora da saúde pública, razón pola que o deporte é considerado de interese público: artigo 2.
A crise epidemiolóxica provocada pola actual pandemia da Covid-19 supuxo un impacto sen precedentes en moitas actividades produtivas e de servizos con motivo das medidas adoptadas para a prevención da expansión da pandemia.
Un dos ámbitos especialmente afectados é o do sector dos servizos relacionados co deporte e a actividade física. Peches prolongados, suspensións e limitacións de actividades e aforos, ou investimentos extraordinarios para o establecemento das medidas de prevención impostas, a actual situación do sector atópase marcada por importantes reducións de facturacións e por unha destacada perda de usuarios e abonados, o que seriamente pon en risco a permanencia da actividade e a estabilidade do sector, dos seus traballadores e familias.
Identificando economicamente o sector e axentes deportivos, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, en 2018, a industria do deporte xerou en España de maneira directa unha actividade económica de 15.768 millóns de euros de produción e
195.027 postos de traballo, a través de máis de 37.231 empresas. Esta actividade económica xerada directamente pola industria equivale ao 1,3% do PIB nacional e a
súa achega ao emprego ascende ao 1% da poboación ocupada en España. Incluídos nestas magnitudes, atópase a facturación dos ximnasios, que alcanzou os 662 millóns
de euros e, en termos de emprego, os 27.495 empregados.
Pola súa parte o Estudio de Avaliación do Impacto da pandemia da Covid-19 sobre o Ecosistema do Deporte en España, elaborado polo Observatorio da Fundación España Activa coa colaboración da Asociación do Deporte Español (ADESP) e do Consello Superior de Deportes (CSD), estima que os axentes do ecosistema do deporte en España sufrirán unhas perdas do 38,5% da súa cifra de negocio no exercicio de 2020. En termos de emprego, apuntase que o 35% dos axentes do deporte realizara, o ían facelo, un expediente de regulación de emprego pola Covid-19, o que afectaría ao
73,5% do persoal en nómina a comezos dese ano 2020.
As actuacións adoptadas polas autoridades para a prevención e contención da pandemia viñeron acompasadas por medidas de distinta índole dirixidas a establecer prestacións e axudas por cese de actividade e reducións de facturación nos negocios con motivo da Covid-19.
Trátanse en definitiva de medidas encamiñadas a apoiar a empresas e autónomos, aos fogares, ao emprego e ao tecido produtivo, e tanto para a fase de contención da pandemia como para o momento de recuperación económica e social unha vez superada a crise sanitaria, momento este ademais non exento aínda de certa incertidumbre no que respecta a súa intensidade e duración.
Neste obxectivo, e entre outras medidas, o Goberno galego ven de anunciar para o sector que nos ocupa, como o segundo Plan de rescate da Xunta de Galicia, dotado con 75 millóns de euros, que se suman aos 86,2 do primeiro plan, incluirá tamén axudas específicas para o sector dos ximnasios.
Concorrendo evidentes razóns de interese social, principalmente sanitarias pero tamén económicas dada a magnitude do sector, compre seguir afondando no establecemento de incentivos que fortalezan as bases para a recuperación desta parte importante da nosa economía e emprego, e elo sobre fórmulas coherentes coas que acadar unha recuperación forte e sostible.
Entre estes incentivos que veñan a apuntalar a recuperación, cabe salientar a redución do tipo impositivo do Imposto sobre o Valor Engadido naquelas prestacións de servizos deportivos que non estean xa suxeitas a exención, art. 20.1.13º da Lei do Imposto sobre o Valor Engadido, lei 37/1992, de 28 de decembro, ou ao tipo reducido do 10%, art. 91. Uno.2.8º da mesma norma.
En base ao sinalado, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para promover as modificacións oportunas na lexislación estatal co obxecto de reducir o tipo impositivo do Imposto sobre o Valor Engadido do 21% ao 10% en todas as prestación de servizos deportivos e de actividade física prestados a persoas físicas que no estean xa exentos conforme a normativa en vigor”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-001145