2, xuño, 2019. O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, afirmou que a Xunta e o PPdeG teñen o reto de defender os intereses da nosa Comunidade fronte ao Executivo de Pedro Sánchez, que agraviou constantemente a Galicia o último ano -cos seus PXE e co ataque claro aos nosos sectores produtivos como o das electrointesivas, as centrais térmicas, a automoción ou a parálise dos sector naval público-.“Cada día que pasa Sánchez encárgase de converter a Rajoy no mellor presidente que tivo nunca España na súa democracia”, engadiu.
Nunha entrevista na Radio Galega, Tellado declarou que o mellor para o país é un goberno non condicionado por forzas con preocupacións distintas aos da nosa Comunidade. Deste modo, lembrou que cando Podemos apoiou a Sánchez a Galicia non lle foi ben, e admitiu que Ciudadanos, coas súas declaracións, tampouco parece defender os intereses dos galegos.
Así mesmo, manifestou que á Xunta aínda lle queda moito traballo por desenvolver ata os vindeiros comicios autonómicos, aseverando que “á Galicia de 2019 lle vai mellor que á do 2009: crece, crea emprego e ten servizos públicos de maior calidade”.
Nese senso, apuntou que de cara ás Eleccións Autonómicas “o debate será que Galicia queremos construír de cara ao futuro”. Como precisou, por un lado estaría o modelo que Feijóo puxo en marcha dende hai dez anos, baseado na estabilidade política, no crecemento, na creación de emprego e na consolidación dos servizos públicos; e, do outro, tres modelos que se terían que unir para arrebatarlle a maioría ao PP: “O do PSOE, o das Mareas e de Podemos – que poderían rematar sendo dous distintos – e o do BNG”.
“Os galegos, sempre que tiveron ocasión nos últimos dez anos, preferiron a estabilidade e non un goberno baseado nunha ensalada de siglas que non serían capaces de poñerse de acordo nin para as decisións máis básicas”, recordou.
ESCENARIO DE RECUPERACIÓN ELECTORAL
Cuestionado sobre as Eleccións Municipais, o número dous dos populares galegos recoñeceu que malia que “non conseguimos os resultados que agardabamos vémonos na obriga de poñelos en valor”. Deste xeito, destacou que o PPdeG gañou no 57% dos concellos -en 179 dos 313 municipios-, obtivo 131 maiorías absolutas e 48 relativas, e é a primeira forza política tanto en porcentaxe de voto como en número de concelleiros.
Segundo afirmou, trala chamada de atención recibida nos comicios xerais, a súa formación reaccionou e isto reflíctese nos resultados do 26 de maio, conseguindo un 34% do voto fronte o 27% acadado en abril, un incremento de sete puntos de porcentaxe de voto en apenas catro semanas. “O PP vive un proceso de remontada que debuxa un escenario de recuperación electoral para o partido”, subliñou.
Igualmente, sinalou que as Eleccións Xerais evidenciaron as consecuencias de dividir o voto de centro-dereita, que é a vitoria da esquerda. Así, aínda que nas Municipais houbo menos división, lamentou que o descenso do PP en torno a 190 concelleiros só se traduciu nunha subida de Ciudadanos en 18 concelleiros, polo que a fragmentación de voto volveu provocar que o centro-dereita perdese representación. Pola contra, si se amosou satisfeito con que VOX non entrara nas corporacións municipais galegas xa que “non ten espazo político na Comunidade”.
“É o momento de traballar, de reflexionar sobre o que fixemos e ben e mal”, resaltou o secretario xeral avanzando que o seu partido ten convocado un Comité de Dirección para este martes que irá seguido de Xuntas Directivas provincias para analizar os resultados tamén a ese nivel.
A POLÍTICA BEN ENTENDIDA
Con respecto á dimisión de Elena Muñoz, asegurou que este anuncio é unha demostración clara da súa responsabilidade, agradecendo a súa dedicación e capacidade ao longo dos últimos anos posto que, independentemente dos resultados, “non é menos meritorio o seu traballo”.
“Nos partidos políticos todos estamos de paso e cumprimos unha función nun proxecto común e compartido. Aos que, nun momento determinado, son capaces de dar un paso a un lado para que sexan outros os que sigan co proxecto adiante, hónralles”, dixo recalcando que se trata dun exercicio de gran xenerosidade e do que é a política ben entendida, “a que non se basea na ambición persoal senón na colectiva, que é a de impulsar un proxecto político útil en lugar de atornillarse aos cargos cando as cousas non van ben”.
Ademais, explicou que o PP de Vigo debe retomar a normalidade canto antes, e farao coa posta en marcha dunha comisión xestora que se encargue da xestión ordinaria do partido e que, nun período de tempo, estableza as condicións necesarias para convocar un congreso que garanta a plena participación de toda a afiliación nesta cidade.