Di que un partido que impulsa unha campaña chamada «Rachar co Xacobeo» só prexudica aos sectores máis castigados pola pandemia
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, cuestionou o último exemplo da radicalización do partido de Ana Pontón coa súa campaña “Rachar co Xacobeo”, un ataque aos profesionais da hostalaría e aos nosos símbolos culturais e turísticos: “Unha máis das ideas peregrinas do BNG importadas de fóra de Galicia. Unha turismofobia absurda que non se corresponde coa realidade galega, que desfruta dun modelo turístico tranquilo e non masificado”.
O número dous dos populares galegos lamentou que con esta iniciativa os nacionalistas traten de desacreditar a un dos sectores máis afectados pola pandemia, que aspira a recuperarse grazas a este Xacobeo Bianual. Por este motivo, esixiu que Pontón pida desculpas aos milleiros de hostaleiros da Comunidade, que non volva poñer en dúbida o seu traballo e que non volva atacar o prestixio da marca Galicia e da imaxe do noso país en todo o mundo.
A OPOSICIÓN EN CONTRA DO SISTEMA DEMOCRÁTICO
Durante unha rolda de prensa na que estivo acompañado pola deputada nacional Marta González, Tellado tamén criticou que o BNG e o PSdeG decidiran votar en contra das bases do noso sistema democrático, posicionándose contrarios a unha iniciativa presentada polo Grupo Popular que buscaba reivindicar o apoio do Parlamento ao Poder Xudicial fronte aos indultos.
O secretario xeral definiu como inaudito que os socialistas galegos votasen en contra do cumprimento da lei e da Constitución: “O PSdeG xa non existe, só queda o Partido Sanchista, dobregado e sometido a Madrid e ao cesarismo dun líder cuxo único obxectivo é manterse no poder, refén dos independentistas”.
No que respecta ao Bloque, asegurou que por fin lle caeu a careta e amosa a súa verdadeira cara: “A do BNG máis rancio e decimonónico, que pide un Estatuto de Nación para a Comunidade, reivindica a autodeterminación e que non condena a violencia”. Igualmente, admitiu que os nacionalistas non poden votar a favor da Constitución e da lei porque o seu proxecto político, copiado dos independentistas cataláns, está precisamente en contra disto, buscando impoñer a Galicia minoritaria que queren, un modelo que os cidadáns rexeitan nas urnas cada catro anos.
Fronte a estas formacións, afirmou que está o PPdeG, principal defensor dos galegos fronte aos extremismos e garante da estabilidade, a seriedade e o rigor que está permitindo que Galicia saia desta crise con mellores resultados sanitarios, económicos e laborais que o conxunto de España.
A POLÍTICA DE CESIÓNS DE SÁNCHEZ
Pola súa parte, Marta González pediu que Pedro Sánchez abandone a súa política de cesións aos independentistas, cualificándoo como un indigno presidente para o noso país, que vende a reputación dos tribunais españois e que se salta a separación de poderes do Estado de Dereito a cambio do pago en votos que lle ofrecen ERC e PNV.
Como apuntou, despois de que o presidente do Goberno pagase as esixencias dos independentistas co indulto aos presos polo procés -co único obxectivo de continuar na Moncloa-, agora estes partidos non se conforman e queren conseguir que a condena por malversación de caudais públicos non se realice, algo para o que o Executivo central xa iniciou a operación de descrédito do Tribunal de Contas, tachándoo de órgano meramente administrativo.
Así mesmo, González tamén ironizou sobre as intencións do ministro Iceta, que xa propón un acordo sobre financiación e participación das Comunidades Autónomas no deseño das políticas do Estado: “Non nos enganan, isto non se está a negociar coa Xunta, é só un globo sonda a ERC para ver se cola e poder ter un referéndum pronto”.
LIDERAR A CAÍDA DO PARO
Por outra banda, Tellado valorou as cifras do desemprego publicadas hoxe, nas que Galicia volve liderar a caída anual do paro no mellor mes de maio da historia. Deste modo, salientou que nos últimos doce meses máis de 25.000 galegos atoparon ou recuperaron o seu emprego, o que supón 11 puntos por riba da media nacional: “Estes datos non son unha casualidade senón o resultado da estabilidade do Goberno autonómico que está centrado no importante, que non depende de ninguén e que só se debe aos galegos”.