16, febreiro, 2020. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, sinalou que Alberto Núñez Feijóo é o único “antídoto posible” para que en Galicia non haxa a inestabilidade política que hai en España: “Os galegos teñen que elixir entre a moderación que representa Feijóo ou un multipartito formado polo PSdeG, o BNG e as tres Mareas de Podemos”.
Durante unha entrevista en Radio Nacional, fixo fincapé en que o PPdeG é o “gran punto de encontro” de todos os galegos que, por riba de cores políticas, queren estabilidade, moderación, que a Comunidade avance e un goberno ao servizo da xente: “As nosas siglas son Galicia”. Así, puxo en valor que Feijóo ten demostrado ser un presidente libre de ataduras e que antepón os intereses da nosa Comunidade por riba de todo: “Sempre elixiu Galicia e ese vai ser o camiño que vai seguir caracterizándoo”.
Do mesmo xeito, indicou que as siglas da integración na nosa Comunidade represéntaas o PPdeG, por ser o partido que historicamente concentra o voto moderado. Proba diso, recordou, é que a maioría absoluta que o PPdeG obtén nas eleccións autonómicas se constrúe con votantes que noutras citas votan a outros partidos.
O DISCURSO CATASTROFISTA DA ESQUERDA
Por outra banda, Tellado destacou o afán do líder socialista por sinalarse a si mesmo como o portavoz da esquerda, cando esta non o identifica así e cando as últimas enquisas poñen enriba da mesa a disputa do BNG e o PSdeG pola segunda posición.
E aproveitou, tamén, para afear “o discurso catastrofista, irreal e inxusto” co esforzo dos galegos do multipartito da esquerda. E é que, tal e como subliñou, Galicia está mellor que hai once anos e puxo como exemplo a sanidade, os servizos públicos e o mercado laboral.
Unha situación, remarcou, que non só é o resultado do traballo e esforzo do Executivo autonómico, senón que tamén é froito do esforzo de todos os galegos para acadar unha Galicia mellor: “Cada vez que a esquerda critica a Feijóo, en realidade está a criticar ao conxunto dos galegos que traballan todos os días para que o país avance, medre e teña oportunidades”.
UN PROXECTO QUE CRE EN GALICIA
Por iso, o número dous dos populares galegos apuntou que o PPdeG aspira a construír un proxecto sólido, maioritario e que cree en Galicia. E referiuse a que o programa electoral porá a vista na Galicia de 2030: “Estamos falando dun plan estratéxico, de por onde queremos que avance Galicia durante a próxima década”. Un dos asuntos clave para Tellado será o reto demográfico, un aspecto no que o Goberno galego xa está a traballar co programa Galicia Retorna.
Por último e sobre a reunión que manterá mañá o líder do PP nacional con Pedro Sánchez, salientou que, con respecto a Galicia, a postura de Pablo Casado coincide coas reivindicacións do PPdeG: unha solución para as electrointensivas e as térmicas galegas, a chegada da alta velocidade ou o pago que o Executivo socialista lle adebeda a Galicia.