Santiago, 27 de marzo de 2018.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, apuntou esta mañá que o desafío permanente a Luis Villares dentro da súa propia formación e a actitude dos seus representantes desacredita a En Marea como primeira forza da oposición en Galicia.
En declaracións aos medios de comunicación, o número dous dos populares galegos subliñou que En Marea non pode ser o principal partido da oposición porque “viven unha situación de colapso interno e contradición pura que non nos leva a ningunha parte”. Para Tellado, as Mareas de Podemos quedan perfectamente desacreditadas para o labor de oposición no Parlamento practicando unha política que debe quedar desterrada como a do “vostede non sabe con quen está falando”.
Así mesmo, como indicou o secretario xeral do PPdeG, estamos ante un desafío permanente de EU, Podemos, e parte de ANOVA contra un líder que non ten o recoñecemento dos seus. “Villares non é voceiro de ninguén, nin sequera de si mesmo porque é capaz de votar cousas distintas en reunións separadas por 24 horas entre si”, engadiu.
Nese senso, apuntou que os populares teñen a sensación de que “o respectamos máis nós que os seus propios compañeiros”, facendo referencia aos vídeos nos que determinados responsables da súa formación chegan a insultar ao portavoz parlamentario de En Marea.
Segundo Tellado, as xuntanzas de onte reflectiron novamente que “non hai ninguén ao volante das Mareas de Podemos”, xa que os seus conflitos internos dan como resultado un exemplo máis de socavar o liderado de Villares. Sobre isto, Tellado indicou que quen patrocina estes problemas internos é Martiño Noriega, ao que sinalou como a persoa detrás da estratexia de debilitar ao voceiro parlamentario de En Marea.
“Luis Villares é parte xa do pasado da política galega e debería pensar en abandonar unha política na que a súa voz non conta e a súa palabra non ten peso”, manifestou Tellado, quen lembrou que se trata da “crónica dun grupo mixto anunciado” e o preludio dunha división interna que se pode materializar coa creación do grupo mixto ou con que finalmente Villares tire a toalla “porque non o respectan nin no Consello das Mareas nin no seu grupo parlamentario”.