Indica que as novas restricións sanitarias do Executivo central son un insulto ás Comunidades, que levan meses xestionando con acerto a pandemia
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que Pedro Sánchez ten un Goberno en crise que traslada os seus problemas á sociedade galega. Así se expresaba sobre as novas restricións sanitarias que quere impoñer o Executivo central ás Comunidades, cuns tempos e formas que cualifica como “un insulto” a todo o traballo feito polas Autonomías, ás que nin consultou malia levar meses xestionando con acerto a pandemia.
“Sánchez é o capitán dun barco que se escondeu na bodega cando empezou a tormenta e, agora que estamos chegando a porto, quere que o vexan levando o temón”, precisou. Neste sentido, lamentou que, coas súas decisións, destrúa a cogobernanza coas Autonomías e bote pola borda o esforzo que hostaleiros e profesionais levan facendo durante moitos meses, pois aplica unha política de brocha gorda, pechando a todos por igual nun momento no que se necesitan actuacións cirúrxicas para non danar aínda máis a este sector.
“Reclamamos ao Goberno central que deixe seguir traballando ás Comunidades e que deixe tomar decisións aos expertos do Comité Clínico, que demostraron durante toda a pandemia que están á altura das circunstancias”, destacou.
UN PROCESO ÁXIL, COORDINADO E EFICIENTE
O número dous dos populares galegos puxo en valor o proceso de vacinación en Galicia, que está resultando áxil, coordinado e moi eficiente, e indicou que esta semana se completará a inmunización da franxa de idade de 59 a 50 anos e que para o 7 de xullo comezarán as persoas de 49 a 40.
Tellado explicou que, cos últimos datos que se conta, o número de doses entregadas en Galicia ascende a 2.070.000 e o número de doses administradas supera o 1.950.000, o que significa que o 93% das vacinas que chegaron á Comunidade xa foron administradas e que somos a terceira Autonomía española en porcentaxe de vacinación.
Así, nestes momentos o 50% dos galegos xa recibiron a primeira dose e o 31% están inmunizados, o que supón que os nosos maiores e as poboacións máis vulnerables xa están seguras. “O éxito e a rapidez deste proceso temos que agradecerlla aos extraordinarios profesionais do noso Sistema de Saúde e ao exhaustivo plan de vacinación elaborado pola Xunta, que demostrou unha vez máis o seu liderado durante esta crise sanitaria e que nos levou a ser o territorio peninsular cun nivel de mortalidade máis baixo”, subliñou.
O TURISMO E A PROPAGANDA DO BNG
Por outra banda, o secretario xeral referiuse á viaxe a Bruxelas de Ana Pontón esta semana para facer “turismo institucional”: “A hipocrisía do BNG non ten límites. Mentres desde Europa din que queren un reparto descentralizado dos Fondos Next Generation, no Parlamento galego votan en contra de todas as iniciativas do PPdeG, que piden exactamente isto; e mentres se quita fotos con bandeiras da Unión Europea, no Congreso aseguran que a UE é a ruína de Galicia”.
Tellado afirmou que a viaxe de Pontón houbera sido moito máis útil se fose a Ferraz ou á Moncloa, pero O BNG cala fronte a Sánchez, que é o único responsable do maltrato a Galicia e do reparto inxustos dos fondos europeos, “porque son máis sectarios que nacionalistas e porque os seus intereses partidistas están moi por encima dos intereses dos galegos”.
Ao respecto, pediu a Ana Pontón “menos fotos, menos paseos e máis traballar” para que non rouben á Comunidade o que lle corresponde. “Presione ao Partido Socialista, que depende de vostede para gobernar en concellos e deputacións. Ameace seriamente con romper estas alianzas se de verdade lle importa máis Galicia que os seus carguiños e soldos. Mentres non faga isto, todo o demais é propaganda e turismo”, insistiu dirixíndose á nacionalista.
ABEL CABALLERO, AO SON QUE MARCA SÁNCHEZ
Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, tamén falou da actitude de Abel Caballero esta semana, “pregando velas” e aceptando que o AVE de Madrid pase por Santiago, “algo que a Xunta e o sentido común levaban dicindo moitos anos”. “Parece que é un león cando ten que ruxir contra Alberto Núñez Feijóo pero convértese nun gatiño manso que ronronea ao son que marca Pedro Sánchez”, aseverou Tellado.
UN CONGRESO PARA FACER FRONTE AOS RETOS
Por último, lembrou que esta semana a Xunta Directiva Autonómica ratificou a convocatoria do 17º Congreso do partido, que se celebrará no Pavillón de Deportes de Pontevedra os días 16 e 17 de xullo.
Sobre isto, resaltou que xa comezaron a darse os primeiros pasos para a súa organización, coa primeira reunión do Comité Organizador dun Conclave “no que actualizaremos as ideas do partido, para facer fronte aos grandes retos que temos por diante como sociedade”.