3, decembro, 2018. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou esta mañá que «estamos ante os estertores do proxecto político esgotado e con escaso futuro das Mareas de Podemos». Así se expresaba trala última crise da formación provocada, nesta ocasión, pola non celebración das primarias.
Segundo admitiu Tellado, é o drama dun partido que viña cambialo todo e non fixo nada, envolto constantemente en liortas internas que amosan as súas verdadeiras prioridades: “unha loita por ver quen dirixe a formación”. Nese senso, engadiu que non se lles coñece proposta algunha, xa que dedican todo o tempo a falar deles mesmos en lugar de centrarse nos problemas da cidadanía.
O número dous dos populares galegos indicou que o importante é ver cando Luís Villares deixará de ser o portavoz parlamentario das mareas de Podemos e cando Martiño Noriega deixará o Concello de Santiago para poñerse ao fronte de En Marea. “No fondo trátase de ver quen mandará máis, non lles preocupa a gobernabilidade da Coruña, Ferrol ou Santiago nin de construír un proxecto político alternativo ao PP en Galicia”, remarcou ao tempo que subliñaba que as ansias de cambialo todo que promulgaban as mareas son as que dinamitan a democracia interna do seu propio partido.
ASEGURAR A EXECUCIÓN DO CONTRATO DAS FRAGATAS F-110
Por outra banda, na súa comparecencia en rolda de prensa celebrada hoxe en Ferrol, o secretario xeral avanzou que este mércores debaterase no Parlamento galego unha proposición non de lei presentada polo Grupo Parlamentario Popular na que se instará ao Goberno a dar luz verde á aprobación da orde de execución da construción das fragatas F-110 nos estaleiros de Navantia Fene e Ferrol, poñendo en valor a importancia do sector naval nesta comarca, do que dependen en torno 15.000 postos de traballo -entre directos e indirectos-.
Despois de lembrar tamén que Navantia supón o 16% do PIB da provincia da Coruña e que, en termos de emprego, representa o 24% do emprego industrial da provincia, destacou que é fundamental que o Goberno de España deixe clara a súa vontade inequívoca de aprobar a execución do proxecto destas fragatas, xa que este contrato supón 4.000 millóns de euros e emprego para 7.000 traballadores, sen esquecer a fundamental inversión na renovación e modernización do estaleiro. “Esta comarca non pode deixar pasar o tren dun proxecto tan importante coma este”, dixo.
Tras manifestar que piden ao Executivo socialista o mesmo que solicitaban ao de Mariano Rajoy, Tellado lamentou que sempre que goberna o PSOE o sector naval pase por dificultades, salientando que “José Luis Rodríguez Zapatero foi un mal presidente para o noso naval, pero Pedro Sánchez aínda pode ser peor», posto que non consegue contratos e pon en perigo os que xa hai.
ELECCIÓNS EN ANDALUCÍA
Por último, Miguel Tellado valorou os resultados das Eleccións en Andalucía celebradas onte, sinalando que “estamos ante un fin de ciclo”. “Hai que actuar con responsabilidade respectando a vontade de cambio maioritaria da sociedade andaluza” aseverou insistindo en que teñen “a obriga de non truncar este desexo da maioría de andaluces expresado onte nas urnas”.
De igual xeito, sinalou que o seguinte paso é falar cos partidos con representación parlamentaria e ver as posibilidades de goberno alternativo que hai nestes momentos.