Lembra que Villarino, que non conta nin co apoio de todos os seus concelleiros, leva dous anos conspirando para facerse coa Alcaldía
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que a condición do Partido Popular para chegar a un goberno de coalición co PSOE na cidade de Ourense é exactamente a mesma desde hai meses: que Rafael Rodríguez Villarino, que demostrou non ser de fiar, se aparte con garantías, dimitindo e entregando a súa acta de concelleiro para facilitar a gobernabilidade.
Ademais, instou a Gonzalo Caballero a posicionarse xa para que autorice ou desautorice ese goberno de coalición PSOE-PP. Mentres tanto, sostivo que o PP de Ourense continuará facendo unha oposición construtiva, proactiva e leal, apoiando todas as iniciativas que sexan positivas “veñan de onde veñan” e colaborando co Executivo municipal en todo aquilo que sexa beneficioso para a urbe.
Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, o número dous do PPdeG definiu como “palabras baleiras de contido” as declaracións de Villarino realizadas esta semana, nas que afirmaba que se votaría “a un lado”. Segundo admitiu, os populares non poden dar o seu voto a alguén que demostrou que a súa única motivación é a ambición persoal, que chegou a denunciar á Deputación, bloqueando as axudas aos hostaleiros de Ourense no momento máis difícil da pandemia para sacar algún rédito electoral; e que estaba disposto a blindar a Gonzalo Pérez Jácome no Concello a cambio do seu apoio para promover unha moción de censura na Deputación.
Por todo isto, insistiu en que a condición do seu partido para negociar un goberno de coalición PSOE-PP é que Villarino se aparte pero con garantías: “Non chega con prometer que se apartará, como fixo este luns; non estamos dispostos a caer nunha trampa para que o novo candidato renuncie dentro de quince días e Villarino sexa nomeado alcalde; a que poña un títere á fronte do Concello e poida ser o rexedor na sombra, como pretende; nin a que utilice ao PP para arranxar os seus problemas internos no PSOE da cidade”.
“O maior problema de Villarino non é que non o apoie o PP de Ourense, é que non o apoia nin sequera a maioría dos seus concelleiros”, subliñou aclarando que é normal que dubiden das súas verdadeiras intencións cando leva dous anos conspirando e organizando manobras par facerse coa Alcaldía.
Así mesmo, incidiu en que os populares de Ourense gozan de completa autonomía neste asunto, sendo os que deben valorar a situación e tomar as decisións oportunas, coa autorización da dirección autonómica para conformar un goberno de coalición PSOE-PP que dote a Ourense da estabilidade desexada. “A gran prioridade do PP foi e segue sendo garantir a gobernabilidade de Ourense”, precisou.
A RADICALIZACIÓN DO BNG
Por outra banda, o secretario xeral amosou a súa preocupación pola radicalización do BNG, “que vai en aumento”. Como lembrou, hai apenas un mes o Bloque compartía mitin con Otegi e Junqueras e celebraba a creación dun novo grupo radical, que ten como obxectivo político a ruptura democrática e a independencia de Galicia; hai unhas semanas os nacionalistas negábanse de novo a condenar a violencia e fomentaban os disturbios nas rúas; e esta mesma semana pediron a independencia e o dereito de autodeterminación.
“Coa mobilización deste sábado o BNG converteuse oficialmente na marca galega do independentismo catalán o dos abertzales vascos, chamando á xente a rúa para pedir unha independencia que os galegos non queren e así o demostran cada vez que van ás urnas”, salientou. Ante esta situación, Tellado pediu ao Bloque que volva ao Parlamento, onde se poden atopar consensos para os grandes retos do país; ao Estatuto e á Constitución, condenando definitivamente a violencia; e que regrese a Galicia, abandonando a súa folla de ruta radical e centrándose na defensa dos intereses dos galegos.
Logo de recalcar que os nacionalistas están seguindo paso a paso a folla de ruta do procés catalán, criticou a hipocrisía de Ana Pontón, xa que non se pode chamar á independencia e á autodeterminación de Galicia e manter na Moncloa a Pedro Sánchez, o presidente máis centralista e nocivo para a Comunidade desta etapa democrática; non se pode esixir diálogo e grandes acordos pola mañá e saír a queimar as rúas pola noite; e non se pode levar 20 anos vivindo dun soldo público de deputada e estar en contra da Constitución e do Estatuto de Autonomía. “O BNG de Ana Pontón vive nunha constante contradición a costa de tomar o pelo a todos os galegos”, concluíu.