O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe a cultura, a lingua, a historia e a tradición como patrimonio “de todos os galegos e galegas, sen excepcións, nin exclusividades por moito que algúns queiran impoñelas”. Para o líder dos populares galegos, estes valores defenden a un pobo “humilde, traballador, unido, aberto, moderno e cheo de futuro” e son motivo de “orgullo” pola nosa Galicia de “onte, hoxe e mañá”.
Así o manifestou durante a conmemoración do acto do Día de Galicia do PPdeG, no que lembrou a Galicia de Otero Pedrayo, facendo un guiño ao miradoiro de Bocarribeira, xa que o intelectual ourensán foi quen lle puxo o nome a este enclave. Para Rueda, “perdura o orgullo pola Galicia que coida a terra e o mar, que protexe a súa lingua”. Sen embargo, da Galicia da época do escritor tamén cambiaron moitas cousas: “Hoxe Galicia non queda atrás: é referente e líder en moitos eidos, capaz de competir sen complexos a nivel internacional”.
No acto participaron tamén a secretaria xeral, Paula Prado; o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, e o responsable de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego, José López, así como outros representantes do partido, entre eles a portavoz do PP na cidade de Ourense e candidata á Alcaldía, Ana Méndez Gil. Todos eles fixeron a foto de familia no miradoiro, onde tamén soou o himno de Galicia.
Rueda puxo en valor a Galicia referente en aspectos como a educación gratuíta desde os 0 anos ata a universidade, a sanidade de vangarda cun dos calendarios vacinais máis completos do mundo ou o impulso ao parque público de vivenda. Ademais, lembrou que acaba de chegar a Galicia a multinacional SAIC, que supón a captación do maior investimento estranxeiro do século.
“Esta é a Galicia pola que traballamos dende o PPdeG, unha Galicia que avanza como van a comprobar o ano que vén os milleiros de visitantes que se achegarán polo Xacobeo 2027 e como poden comprobar a diario os galegos e galegas que estudan, traballan ou emprenden na nosa terra”, engadiu.
LUIS MENOR: “LEVANTAMOS A BANDEIRA DO NOSO”
Pola súa banda, o presidente do PP de Ourense, Luis Menor, tamén puxo en valor a elección do miradoiro de Bocarribeira para “renovar o compromiso coa defensa dos nosos símbolos e da nosa cultura”, lembrado que Otero Pedrayo, como impulsor da Xeración Nós, asumiu tamén o compromiso de traballar pola modernización de Galicia.
“Este é un día grande que comparten todos os galegos e galegas”, dixo o presidente provincial, aínda que tamén subliñou que hai espazo nesta celebración para a reivindicación. Neste 25 de xullo “levantamos en alto esa bandeira da reivindicación do noso que, por riba de todo, defendemos no PP de Ourense, o partido que máis confianza xera entre a cidadanía de toda a provincia”.
O próximo ano, advertiu, aos ourensáns “vannos examinar e nós temos que demostrar que cumprimos, con creces, para que esta terra progrese”, devolvendo así a confianza que depositaron no PP para dirixir o goberno provincial e os concellos, sen deixar de recordar a vocación de colaboración co goberno popular da Xunta de Galicia, “que tan bos resultados está a ter na nosa provincia”. Con ese traballo continuo “poderemos renovar o apoio con máis forza, con máis ilusión, con máis lexitimidade para seguir construíndo o Ourense que merecemos”, afirmou Menor.
ANA MÉNDEZ: “OURENSE NUNCA TIVO PROBLEMA DE IDENTIDADE”
Por outra banda, Ana Méndez, reafirmou o orgullo de celebrar a “esa xente traballadora, emprendedora e inconformista que fixo grande Galicia ao longo da historia”. A popular enxalzou tamén o papel de Ourense como “unha parte esencial desa historia”, lembrando que é a terra de Otero Pedrayo e de moitos outros intelectuais, pero tamén do termalismo, do entroido, do magosto, do viño e dunha identidade propia que levou o nome da cidade e de Galicia moito máis alá das súas fronteiras.
Neste sentido, asegurou que “Ourense nunca tivo un problema de identidade nin de talento” e afirmou que, tras asumir a responsabilidade de encabezar o proxecto do Partido Popular para a cidade, “chegou o momento de abrir unha nova etapa”, na que “deixemos atrás a improvisación, as escusas e o ruído para volver falar do que realmente importa: da xestión, dos proxectos, das oportunidades e das persoas”.
“Creo en Ourense, creo na súa xente e creo que chegou a hora de que deixe de conformarse co que é para empezar a converterse na cidade que sempre estivo chamada a ser”, concluíu.