Santiago, 13 de decembro de 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que Galicia “autovacinouse de gobernos que prexudican seriamente á saúde ao votar ao PP e a Alberto Núñez Feijóo e non a En Marea”, situándose lonxe de posturas irresponsables como as manifestadas por algúns dirixentes das mareas.
Segundo admitiu, a nosa Comunidade autoprotexeuse de que o debate sobre a idoneidade de empregar vacinas como método preventivo para o desenvolvemento de determinadas doenzas teña lugar no Consello da Xunta e non nun partido da oposición, “porque non é o mesmo dicir barbaridades nos xornais que no Diario Oficial de Galicia”.
“Estamos acostumados a que as mareas de Podemos teñan tantos criterios como dirixentes, e que sexa complicado coñecer cal é a súa postura sobre os temas relevantes para a sociedade galega; pero nunca pensamos que a frivolidade dalgúns políticos de dita formación puidese levalos a cuestionar tratamentos que salvan millóns de vidas en todo o mundo”, dixo en referencia ás declaracións da eurodeputada Lidia Senra.
Para o número dous dos populares galegos, Luis Villares debería ter a autoridade suficiente para contradicir con total claridade aos que queren facer de Galicia un espazo libre de vacinas, sobre todo porque ese mesmo partido defendeu tempo atrás a ampliación do calendario vacinal da Comunidade Autónoma.
“Se os galegos encargaran formar goberno a Villares e este designara a Lidia Senra conselleira de Sanidade, hoxe teríamos un evidentísimo problema de saúde pública”, advertiu Tellado, ao tempo que sinalaba que, “por fortuna, o único problema que temos é de insolvencia política por parte desta eurodeputada e de irrelevancia orgánica por parte dun Villares que se permite o luxo de ser laxo na valoración deste tipo de insensateces”.
Así mesmo, o secretario xeral do PPdeG lembrou que a Xunta de Galicia seguirá apostando por un protocolo de vacinas que protexa á poboación, facendo especial fincapé na poboación infantil para evitar aos cidadáns aqueles tipos de enfermidades que poidamos eludir con este tipo de tratamento preventivo.