Santiago, 23 de outubro de 2020.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, insistiu esta mañá no Parlamento galego na demanda ao Goberno central da construción dun buque-ponte para os estaleiros da ría de Ferrol para dar carga de traballo mentres non se comece a construción das fragatas F-110. Neste sentido, criticou que “o Goberno de Pedro Sánchez aproveitara o verán para anunciar a construción nos estaleiros de Navantia en Puerto Real dun BAM para a Armada Española, algo que viñamos reclamando desde Galicia hai moitos meses”.
Miguel Tellado sinalou que a falta de traballo no sector naval “é un problema xeneralizado”, pero contrastou as axudas que as empresas deste sector reciben en Alemaña ou Holanda coa inactividade do Goberno de Pedro Sánchez. “Os traballadores do naval ferrolán agradecen o apoio, pero o que desexan é que os socialistas os deixen traballar”, dixo.
CO PSOE, SEMPRE MAL
“A realidade é que sempre que gobernou o PSOE en España á comarca de Ferrolterra foille mal, e agora está a pasar o mesmo”, lamentou.
O viceportavoz popular lembrou que “foi o goberno do PP o que puxo en marcha a construción das fragatas F-110 nos estaleiros da ría de Ferrol entre os anos 204 e 2018, que suporán unha facturación superior aos 4.000 millóns de euros”. “Ademais, os que consignamos orzamentos para esta actuación foi o Goberno de Mariano Rajoy, orzamento que o actual Goberno de Pedro Sánchez non gastou e só se preocupou de atrasalo porque só lles quedaba asinar o contrato”, apuntou.
Tellado lembrou que desde o PPdeG “levamos insistindo na necesidade do encargo dun buque-ponte para os estaleiros da ría de Ferrol mentres non se comece a construción das fragatas”. “Dixeron que non facía falta e aproveitaron o verán para levar a construción dun buque da Armada Española aos estaleiros de Puerto Real en Cádiz”, sinalou.