O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, ofreceu, unha rolda de prensa na que valorou dos Orzamentos Xerais do Estado. Neste senso, salientou “cuestións claves para Galicia” como a subida das pensións de menor de contía e rebaixas fiscais que dará un maior poder adquisitivo aos nosos maiores, a subida de salarios dos empregados públicos ou proxectos industriais fundamentais como a construción das fragatas F-110, que suporán “a creación de 7.000 postos de traballo e a modernización do sector naval na comarca de Ferrol”.
Do mesmo xeito, incidiu en que o proxecto aprobado, tal e como expresou o ministro de Facenda na súa presentación, conta con maiores transferencias para o financiamento das Comunidades Autónomas. O secretario xeral lamentou que malia isto os partidos galegos que teñen representación no Congreso xa teñan anunciado o voto en contra destas contas: “Isto demostra que tanto as Mareas como os socialistas están máis preocupados de suxeitar pancartas que de traballar polos intereses dos galegos”.
“Para aqueles que dicían son mellores os gobernos en minoría, que analicen se é a mellor opción que os Orzamentos de todo un país estean secuestrados polos caprichos de partidos minoritarios”, indicou Miguel Tellado que aproveitou para poñer en valor a estabilidade galega, que leva moitos anos permitíndonos ter orzamentos en tempo e forma.
FOLGA DA XUSTIZA
Por outra banda, referiuse á situación da folga no sector da Xustiza. “Tras 16 reunións e oito ofertas á alza, na última xuntanza cos sindicatos quedou claro que a solución non depende da Xunta”, indicou o secretario xeral, que amosou o seu malestar pola actitude mantida polos sindicatos: “Para poder chegar a un acordo, deberían pensar máis nos traballadores e nos cidadáns e menos nas súas eleccións sindicais”.
Para Miguel Tellado, os sindicatos –que non consultaron aos traballadores sobre a postura a manter en todo este proceso ata pasar seis semanas de folga- están tomando unha posición inaudita. E é que, tal e como indicou, ademais de ningunear aos empregados ao non escoitar a súas demandas de rebaixar as pretensións e acurtar os prazos, están a paralizar completamente un servizo porque lles parece insuficiente unha suba do 14% do salario. “Estou convencido de que a inmensa maioría de traballadores de Galicia, públicos e privados, firmarían cos ollos pechados unha suba de entre 3.500 e 4.500 euros ao ano, que sairán dos petos de todos os galegos e galegas”, subliñou.
“VILLARES NON É LÍDER DE NADA”
“As Mareas de Podemos están a utilizar un episodio que resulta avergoñante para todo o Parlamento de Galicia para humillar publicamente a Luis Villares”, indicou o secretario dos populares, que volveu a destacar a falta de liderado do portavoz das Mareas. “Hoxe Luis Villares non é o líder de nada”, salientou, xa que o grupo parlamentario fai o contrario do que el pide, cada día que pasa ten máis inimigos internos dentro do seu propio partido e “polo tanto, tampouco pode liderar a oposición, porque ninguén lle recoñece a autoridade para facelo”. “Fai falta terlle moito apego ao cargo, ao escaño ou ao soldo para encaixar sen inmutarse semellante lista de ataques á súa dignidade”, sentenciou Miguel Tellado.