23, agosto, 2019. O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, referiuse, esta mañá, á inacción do Goberno socialista e aos 700 millóns de euros que lle adebeda a Galicia. Neste punto, reclamou ao Executivo de Pedro Sánchez unha “actuación decidida” para transferir eses cartos que, tal e como apuntou, “Galicia necesita e lle corresponde”. “Un diñeiro -continuou Tellado- que é de todos os galegos e que o Goberno de España retén de forma irresponsable e inxustificada”.
Así, durante un recorrido polo Casco Histórico de Santiago, no que estivo acompañado do secretario de Comunicación do PP, Pablo Montesinos, o número dous dos populares galegos dixo que, de igual modo que se poden revalorizar as pensións, pódese transferir eses 700 millóns de euros, polo que aclarou que non é verdade que non sexa posible levar a cabo esa transferencia ao non estar en vigor os Orzamentos Xerais: “Pedímoslle ao Goberno que abandone as escusas, que goberne e que, polo tanto, adopte as medidas necesarias para que non se castigue á nosa Comunidade”.
UN PROXECTO POLÍTICO DE AMPLA BASE SOCIAL
Por outra banda, Tellado indicou que o PPdeG reinicia a actividade política coa vista posta nas próximas eleccións autonómicas que, tal e como salientou, afronta coa intención de revalidar a confianza maioritaria dos galegos cun proxecto político moderado, centrado, constitucionalista e que demostrou ao longo dos últimos dez anos ser a “mellor ferramenta para frear o auxe dos nacionalismos na nosa Comunidade”.
Por último, incidiu, ademais, en que, se en Galicia hai un antídoto para que non crecera o nacionalismo, tanto na última década como nos gobernos de Manuel Fraga, é o proxecto político de ampla base social do PPdeG, que representa a todo o que está á dereita do PSdeG e que demostrou ser útil para mellorar a calidade de vida dos galegos.