Santiago, 2 de decembro de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, puxo en valor que Galicia peche novembro con 21.604 desempregados menos que no 2015, o que supón un descenso interanual do 9,60% e un punto máis que a media do Estado.
Trátase da maior baixada producida neste mes desde o ano 1998. “O maior descenso do paro de novembro en 18 anos evidencia que a nosa estratexia económica é eficaz”, resaltou Tellado precisando que non caben dúbidas de que o traballo dos populares foi efectivo “ademais de lograr cumprir cos nosos compromisos ano tras ano”.
Deste xeito, levamos máis de 3 anos de baixadas seguidas na evolución anual, logrando reducirse o desemprego en novembro por cuarto ano consecutivo e situándose a comunidade en niveis inferiores aos de hai 7 anos.
Ademais do aumento nas afiliacións, o paro tamén volve a diminuír nas principais variables se o comparamos con hai un ano: presentando un comportamento mellor que a media do Estado, baixando nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores, e nos colectivos prioritarios como son os menores de 30, os parados de longa duración e as mulleres.
O número dous dos populares galegos tamén sinalou que , malia que o paro sube nun 2,32% con respecto a outubro, este aumento prodúcese de xeito habitual en novembro. “Trátase dunha subida que ten lugar independentemente do ciclo económico polo que debemos fixarnos na evolución anual que é a que marca verdadeiramente o crecemento da economía”, recalcou.
“Malia que non é unha boa nova que haxa un aumento do desemprego con respecto ao mes anterior, isto anímanos a seguir traballando con aínda máis empeño para que estas subas sexan cada vez máis unha excepción”, recoñeceu.
“O que importa é que Galicia continúa na boa dirección, que o paro segue baixando e que os contratos indefinidos están subindo”, afirmou Tellado ao tempo que recordaba que na actualidade se están creando postos de traballo de calidade a través da Axenda 20 -que ten como obxectivo a creación de entre 80.000 e 100.000 postos-, sen esquecer tampouco que os orzamentos seguen dando prioridade ao emprego cun incremento para o 2017 de máis dun 15%.
Tellado quixo salientar que, desde que os populares entraron na Xunta en 2009, Galicia mellorou a súa solvencia ata converterse nunha comunidade fiable e competitiva de novo. Nese senso, tamén manifestou que somos unha rexión que dá solución dos problemas de España actuando baixo as consignas da eficiencia.
“O noso obxectivo seguirá sendo fomentar a creación do emprego, investir para continuar medrando e lograr así que a recuperación económica chegue a todos os galegos”, sentenciou.