Ribadavia, 10 de agosto de 2016.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, cuestionou hoxe a capacidade das forzas da oposición para conformar unha alternativa de goberno toda vez que “non se entenden entre eles e nin sequera se entenden dentro deles”.
O secretario xeral do PPdeG puxo como exemplos a ruptura onte mesmo do goberno tripartito do concello coruñés de Fene ou a situación que existe en Ribadavia, onde o actual alcalde socialista ve como o PSdeG ten nombrado coordinador de campaña a unha persoa para a que el mesmo pedira hai anos a expulsión do partido.
“Os problemas da oposición non son puntuais, cruzan Galicia dun lado a outro, dende Ferrolterra ata o Ribeiro”, apuntou Tellado augurando que “quen non arranxa os seus propios problemas non vai arranxar os de Galicia”. En consecuencia, o número dous dos populares galegos advertiu de que “o risco que corremos non é que se substitúa ao goberno de Feijóo por un goberno alternativo, o auténtico risco é substituír o goberno de Feijóo para non poder gobernar”, sentenciando que a situación das forzas da oposición con pelexas internas e entre eles non permite “asegurar a estabilidade dun hipotético goberno alternativo que caería na parálise”.
Tellado fixo estas declaracións no marco dunha rolda de prensa na que, acompañado polos deputados César Fernández Gil, Jackeline Fernández, Antonio Mouriño e Miguel Santalices fixo balance do goberno de Alberto Núñez Feijóo e dos seus resultados para a comarca do Ribeiro.
O número dous do PPdeG quixo por en valor os “feitos” que, tamén no Ribeiro, diferenzan ao PPdeG daqueles que só teñen palabras. “Mentres a oposición vai cada día a peor, Galicia vai a mellor”, salientou un Tellado que destacou a vontade do PPdeG para “falar de Galicia, do que fixemos e do que queda por facer” mentres os demais falan de si mesmos.
GALICIA E O RIBEIRO, CRECENDO E CON MÁIS EMPREGO
O número dous dos populares galegos lembrou a “tendencia á alza” do emprego nestes momentos, en contraste coa tendencia á baixa que imperaba cando Feijóo accedeu ao goberno. Lembrou que taxa de paro é 3 puntos inferior á existente no comezo da lexislatura e que hai case 50.000 afiliados máis á seguridade social.
Tellado atribuíu as melloras de emprego e crecemento económico a políticas da Xunta que melloran a empregabilidade das persoas traballadoras como poden ser o incremento dun 50% das prazas de Formación Profesional dende 2009 e a renovación dos currículos dos ciclos, a accesibilidade das ensinanzas universitarias ao ter as taxas máis baixas do Estado ou o inicio da expedición por parte da Xunta das acreditacións oficiais que certifican a experiencia laboral e as capacidades de traballadores sen formación regrada.
Nese sentido, César Fernández Gil celebrou a adecuación polo goberno de Feijóo dos currículos do ciclo medio de aceite e viños e do ciclo superior de vitinicultura, dos cales o primeiro xa se imparte no IES do Ribeiro mentres que o segundo comezará a impartirse no vindeiro curso.
Asemade, lembrou que a mellora do emprego vén derivada de que a solvencia de Galicia ten permitido que levemos once trimestres seguidos con taxas positivas de crecemento interanual do PIB. Tellado defendeu este “crecemento sólido”, baseado en melloras estruturais da economía como o “récord histórico de exportacións” acadado o pasado ano e que vai camiño de superarse neste ou os “máximo histórico” de visitantes turísticos conseguido no primeiro semestre deste mesmo ano.
O deputado César Fernández destacou a importancia que ambas noticias teñen para a comarca do Ribeiro, pois as axudas da Xunta teñen sido determinantes para a exportación do sector vitivinícola mentres que o crecemento do turismo ten un impacto na comarca grazas á diversificación proposta polo Plan Integral de Turismo.
Así, por unha banda o pulo a enoturismo con iniciativas como as Rutas do Viño atrae visitantes á comarca mentres que o desenvolvemento do Plan termal entre Xunta e Deputación potencia as capacidades do turismo termal e de saúde a través de novos reclamos como o restaurado balneario da Cortegada, o centro de viñoterapia en Leiro ou o proxecto de piscina termal flotante no Miño ao carón do balneario de Laias (Cenlle).
Por outra banda, mentres Tellado recalcaba as bonificacións de ata o 50% do prezo do solo industrial existentes en toda Galicia, Fernández Gil salientou que grazas a elas neste mesmo ano rematáronse de vender todas as parcelas do parque empresarial de San Cristovo, en Ribadavia.
GALICIA E O RIBEIRO, MELLORES PARA VIVIR
O número dous do PPdeG salientou, do mesmo xeito, as melloras en servizos básicos a sanidade ou a atención aos maiores. Así, puxo en valor que a asistencia sanitaria ten mellorado tanto en dotacións como en eficiencia, con máis intervencións cirúrxicas realizadas cada ano e co tempo medio de espera en mínimos históricos.
No eido da atención a maiores, Tellado recalcou a aposta do goberno de Feijóo polo “envellecemento activo” o que o ten levado a duplicar os usuarios de teleasistencia, a duplicar as prazas de centros de día e a pasar de 2.700 a case 12.000 usuarios do servizo de axuda no fogar.
César Fernández lembrou que comarca do Ribeiro viviu tamén os resultados destas melloras coa iniciativa do goberno de Feijóo de investir máis de 400.000 euros na reforma do centro de saúde de Carballeda de Avia ou o desembolso de máis de 1 millón de euros para a construción dun centro de día de 50 prazas en Leiro que estará en funcionamento a finais deste ano.